O Concello de Lugo autoriza 15 novas vivendas e varios proxectos empresariais e turísticos

A Xunta de Goberno Local de Lugo deu luz verde a catro novas licenzas urbanísticas que permitirán desenvolver proxectos residenciais, empresariais e turísticos na cidade. Entre as actuacións autorizadas atópanse a construción dun edificio con 15 vivendas na Praza Nemesio Cobreros, a reforma dunha nave industrial no Ceao, a ampliación do Hotel Forum e a segunda fase da rehabilitación dun inmoble da rúa do Teatro.
A primeira actuación contempla a demolición dun edificio existente e a construción dun novo inmoble multifamiliar na Praza Nemesio Cobreros. O edificio contará con 15 vivendas, locais, garaxe e rochos, distribuídos en planta baixa, sete plantas altas, baixo cuberta, semisoto e soto. O orzamento de execución ascende a 2.371.472,15 euros.
No Ceao, tamén se concedeu licenza a Automóviles Pérez Rumbao S.A. para a reforma e acondicionamento dunha nave situada na avenida Benigno Rivera, 68, que estará destinada á venda, exposición e taller de vehículos. A actuación afectará unha superficie útil de 2.576 metros cadrados e unha superficie construída de 2.856,50 metros cadrados, con 58 prazas para estacionamento e carga e descarga. O investimento previsto é de 972.157,62 euros e o prazo de execución, de 12 meses.
No ámbito turístico, a Xunta de Goberno Local autorizou a ampliación do Hotel Forum Ceao mediante a reforma de espazos actualmente infrautilizados. O proxecto inclúe actuacións na planta baixa, destinadas a aparcamento e instalacións, e na primeira planta, onde se habilitarán apartamentos turísticos independentes, con acceso propio diferenciado do hotel. O investimento ascende a 653.082,22 euros e o prazo de execución será de 36 meses.
A cuarta licenza corresponde á segunda fase da rehabilitación do edificio situado no número 6 da rúa do Teatro, que terá como uso final pensión e restaurante. O proxecto conta con informes favorables dos servizos municipais de Arquitectura, Arqueoloxía e Enxeñaría e contempla a realización dun control arqueolóxico durante as obras. O investimento previsto é de 763.075,24 euros, cun prazo de execución de 36 meses.
Axudas para taxi adaptado e entidades sociais
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a convocatoria de axudas para desprazamentos en taxi adaptado destinadas a persoas con discapacidade física ou mobilidade reducida, cunha dotación de 5.000 euros.
Entre os requisitos establecidos figuran estar empadroado en Lugo durante polo menos un ano, contar cunha discapacidade física permanente igual ou superior ao 33 % e acreditar mobilidade reducida, ademais de cumprir os límites económicos establecidos na convocatoria.
Por outra banda, aprobáronse as bases e a convocatoria das subvencións destinadas a entidades sen ánimo de lucro do ámbito dos servizos sociais, cunha dotación total de 76.000 euros, o dobre da contía inicialmente prevista de 38.000 euros.
As axudas están dirixidas principalmente a entidades sen ánimo de lucro constituídas e con domicilio en Lugo e, nos supostos previstos, tamén a entidades doutras localidades que desenvolvan no municipio proxectos destinados a persoas en situación ou risco de exclusión.
Taquillas refrixeradas para a Praza de Abastos
A Xunta de Goberno Local acordou iniciar o procedemento para contratar a subministración, instalación e subscrición da plataforma de xestión dun sistema de taquillas refrixeradas na Praza de Abastos, cun investimento total de 25.410 euros.
O novo servizo permitirá aos clientes realizar os seus encargos e recollelos posteriormente nas taquillas mesmo cando o mercado estea pechado. A medida pretende facilitar especialmente as compras das persoas que traballan e que actualmente atopan dificultades polos horarios exclusivamente de mañá da Praza de Abastos.
A actuación responde ás necesidades detectadas no Estudo Diagnose de Situación e Usos do Mercado de Lugo, elaborado no marco do Plan de Mercados Excelentes 2025. O documento identifica os servizos á clientela como o principal ámbito de mellora e sinala a ausencia de consignas, tanto normais como refrixeradas, entre as carencias do mercado.
As novas taquillas permitirán ampliar as posibilidades de compra sen modificar os horarios dos postos, facilitando os encargos por teléfono ou en liña e a súa posterior recollida. Ademais, o sistema permitirá conservar os produtos frescos mediante o mantemento da cadea de frío.
A actuación forma parte das medidas de mellora estrutural e desenvolvemento comercial da Praza de Abastos e está vinculada ao obxectivo municipal de avanzar cara á obtención do selo de "Mercado Excelente" da Xunta de Galicia. Segundo o informe, a instalación dunha consigna para clientes constitúe un dos requisitos obrigatorios para conseguir esta distinción.
A Xunta de Goberno Local aprobou tamén a contratación do alugueiro, montaxe e desmontaxe da iluminación decorativa de Nadal para o Cemiterio Municipal e para o Mercado Municipal e a Praza de Abastos. O orzamento máximo ascende a 42.409,90 euros, IVE incluído, para estes dous recintos.
O contrato contempla a instalación e posta en funcionamento da decoración desde o 20 de novembro ata o 6 de xaneiro, coa súa retirada prevista para o 7 de xaneiro. No caso da Praza de Abastos e do Mercado Municipal, a iluminación pretende facer máis atractiva a visita durante o período de Nadal e contribuír a fomentar as compras, consolidar o mercado de proximidade e apoiar a economía local.
No Cemiterio Municipal instalarase unha árbore da luz, cunha partida específica de 2.655,95 euros, IVE incluído. A instalación permanecerá no recinto ata o 6 de xaneiro e será retirada o día 7. A iluminación acompañará as actividades programadas con motivo da festividade de Santos e complementará a decoración especial do recinto durante o Nadal.
Novidades no persoal municipal
No ámbito do persoal, propúxose habilitar con carácter extraordinario o uso das bolsas de emprego correspondentes aos últimos procesos selectivos finalizados. A medida, acordada na reunión da comisión de listas na que están representadas as distintas centrais sindicais, busca cubrir de maneira áxil postos vacantes cando existan razóns de necesidade e urxencia.
Tamén se propuxo designar o tribunal encargado de cualificar o proceso selectivo para cubrir en propiedade unha praza de monitor/a de Educación Vial, pertencente ao persoal funcionario municipal e mediante promoción interna.
Proxectos de modificación de ordenanzas fiscais municipais
A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou os proxectos de modificación de varias ordenanzas fiscais municipais para introducir novos incentivos destinados ás empresas que creen emprego indefinido coa implantación de novas actividades económicas ou coa ampliación das xa existentes.
As medidas forman parte do proceso necesario para a incorporación de Lugo á iniciativa galega de Concellos Emprendedores, Doing Business Galicia, e permitirán aplicar bonificacións de ata o 80 % no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), no Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) e no Imposto sobre Actividades Económicas (IAE).
A porcentaxe da bonificación dependerá do número de novos empregos creados. Será do 50 % para entre un e dez postos de traballo, do 75 % para entre 11 e 20 e do 80 % cando se creen 21 ou máis. Os contratos deberán ser indefinidos e a xornada completa, ademais de estar destinados a persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego.
No caso do ICIO, a modificación da Ordenanza Fiscal número 202 establece unha bonificación para as obras relacionadas coa implantación de novas actividades económicas ou coa ampliación das existentes que cumpran estes requisitos. Os postos de traballo deberán manterse durante os tres exercicios posteriores á finalización das obras.
Para o IBI, a modificación da Ordenanza Fiscal número 203 contempla unha bonificación durante tres anos nos inmobles nos que se desenvolvan estas actuacións. Será necesario acreditar que os novos empregos se manteñen durante todo o período bonificado.
Pola súa banda, a modificación do IAE incorpora tamén unha bonificación durante tres exercicios para as empresas que poñan en marcha unha nova actividade ou amplíen as súas instalacións e xeren emprego indefinido no municipio. Deberá existir un incremento neto do persoal e os novos contratos deberán cumprir as mesmas condicións establecidas para o resto das bonificacións.
A reforma do IBI incorpora ademais varias modificacións noutras bonificacións. No caso das familias numerosas, mantéñense as reducións do 30 % para a categoría xeral e do 50 % para a especial na vivenda habitual. Como novidade, nos casos de separación ou divorcio considerarase vivenda habitual de cada proxenitor aquela na que estea empadroado, sempre que os fillos e fillas que forman parte do título de familia numerosa estean empadroados na vivenda habitual de calquera dos dous.
Tamén se mantén durante tres anos a bonificación do 95 % para inmobles vinculados a actividades agrarias e gandeiras declaradas de interese ou utilidade municipal. O cambio afecta ao momento desde o que se aplica, xa que entrará en vigor a partir do período impositivo seguinte ao da presentación da solicitude, en lugar de facelo desde o exercicio posterior á concesión.
A ordenanza concreta igualmente a consideración de vivenda habitual e a documentación necesaria para acceder á bonificación do 50 % durante tres períodos impositivos pola instalación de sistemas de aproveitamento da enerxía solar destinados ao autoconsumo.
A modificación do IBI tamén recolle o remate da vixencia do convenio asinado no seu día entre o Concello de Lugo e a Xunta de Galicia, que contemplaba a exención do imposto. O Goberno local sinala a súa intención de manter a colaboración coa Administración autonómica ante o escenario de investimentos previstos na cidade, entre eles a rehabilitación integral da Milagrosa, a adecuación dun edificio do CIS para saúde mental e a construción do novo centro do Sagrado Corazón.
No Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), a modificación da Ordenanza Fiscal número 200 amplía de tres a cinco anos a duración das bonificacións destinadas aos vehículos menos contaminantes. Así, establécese unha redución do 50 % para os vehículos híbridos e do 75 % para os eléctricos, os de emisións nulas e aqueles que utilicen os combustibles alternativos previstos na propia ordenanza. Estas bonificacións deberán solicitarse expresamente.
Finalmente, a modificación da Ordenanza Fiscal Xeral introduce un cambio no criterio para aplicar o límite mínimo de 1.000 euros de débeda principal pendente na derivación da acción de cobro por sancións de tráfico. Cando o propietario sexa responsable, este límite pasará a vincularse ao vehículo e non ao conxunto do expediente executivo aberto ao infractor.
Os proxectos deberán ser elevados ao Pleno para a súa aprobación inicial. A previsión municipal é que as modificacións entren en vigor o 1 de xaneiro de 2027, unha vez completada a tramitación correspondente e publicada a aprobación definitiva no Boletín Oficial da Provincia.
O BNG critica o peche de dez negocios
A concelleira do BNG Cristina López criticou que o Concello asinase dez decretos de peche de negocios que afectan outras tantas iniciativas de persoas autónomas e pequenas empresarias durante a celebración do San Froilán.
"Estamos a falar de dez actividades económicas e de familias que ven ameazada a continuidade dos seus proxectos por esta decisión", afirmou a edil nacionalista.
Segundo o BNG, os peches afectan negocios vinculados aos sectores cultural, da alimentación, papelería, rotulación, enxeñaría, perrucaría, deporte e distribución en diferentes zonas da cidade, como A Milagrosa, Recatelo, Garabolos, A Piringalla, San Roque e Fontiñas.
A formación critica que estas decisións se adopten "xusto na semana do San Froilán", cando, segundo sinala, moitos destes pequenos negocios podían prever un maior volume de vendas debido á maior presenza de persoas nas rúas.
O BNG reclama ao Goberno local do PP "a máxima colaboración" para analizar cada unha das problemáticas, facilitar a súa regularización cando sexa posible e garantir a continuidade das actividades económicas.
"Non se pode falar de apoio ao comercio e ao emprendemento mentres se ordena o peche de pequenos negocios", afirmou Cristina López, quen esixiu ao Goberno local que manteña unha interlocución directa coas persoas afectadas e poña os recursos municipais á súa disposición para tratar de evitar a perda de postos de traballo e a desaparición de actividades económicas na cidade.