O Concello de Lugo avanza na carreira profesional para os seus 571 traballadores

LugoXa
O regulamento permitirá progresar sen cambiar de posto e establece complementos de ata 2.800 euros por grao segundo o grupo profesional
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
21 Aug 2026

A Xunta de Goberno Local de Lugo aprobou o proxecto de Regulamento da carreira profesional horizontal e da avaliación do desempeño do persoal municipal, unha medida que busca recoñecer a experiencia, a formación e o traballo desenvolvido polos 571 empregados e empregadas do Concello.

A proposta é resultado do acordo unánime alcanzado na Mesa Xeral de Negociación o pasado 23 de xuño entre o Goberno local e a representación sindical. O documento continuará agora coa súa tramitación administrativa e está previsto que chegue ao pleno de setembro para a súa aprobación inicial.

O sistema será aplicable ao conxunto do persoal municipal, incluídos os funcionarios interinos e o persoal laboral, e permitirá avanzar profesionalmente sen necesidade de cambiar de posto. A carreira estruturarase en diferentes graos e a progresión dependerá dunha avaliación obxectiva conforme aos requisitos recollidos no regulamento. A súa implantación completa realizarase nun período de tres anos.

Entre os principais obxectivos figuran recoñecer a contribución dos empregados á mellora dos servizos públicos, valorar as competencias profesionais, fomentar a formación e actualización de coñecementos e aumentar a motivación e o compromiso do persoal coa Administración local.

O regulamento establece un grao inicial sen retribución e outros catro que levarán asociado un complemento económico fixo. Por cada grao recoñecido, a contía anual será de 2.800 euros para o grupo A1, 2.600 para o A2, 2.400 para o B, 2.200 para o C1, 2.000 para o C2 e 1.800 euros para as Agrupacións Profesionais. As cantidades dos graos recoñecidos serán acumulables ata un máximo de catro e abonaranse en 14 mensualidades.

Segundo o informe de Intervención, a implantación será progresiva para preservar a estabilidade orzamentaria e a sustentabilidade financeira. O documento tamén considera compatible este complemento co de produtividade sempre que non se remunere dúas veces un mesmo concepto.

Durante a presentación, a alcaldesa incidiu tamén na execución do gasto de persoal de 2025. Segundo explicou, dos 37,77 millóns de euros orzamentados empregáronse finalmente 32,86 millóns, polo que quedaron sen executar preto de 4,91 millóns, case o 13 % dos fondos previstos para este capítulo.

O Goberno local considera que estes datos poñen de manifesto a necesidade de dimensionar adecuadamente o cadro de persoal e aproveitar os recursos dispoñibles para reforzar os servizos públicos. Neste contexto sitúa tamén outras actuacións impulsadas nos últimos meses, como as ofertas de emprego sectoriais para a Policía Local e os Bombeiros ou as medidas adoptadas para recuperar a actividade da Banda Municipal e reabrir a Escola Municipal de Música.

A alcaldesa cualificou a aprobación do proxecto como "un paso importante" ao ofrecer ao persoal municipal posibilidades de progresión baseadas en criterios obxectivos como a formación e a antigüidade. A aplicación efectiva do regulamento, unha vez aprobado definitivamente, deberá respectar en cada momento as limitacións que establezan as leis anuais de orzamentos do Estado.

0.1193859577179