O Concello de Lugo completa novas melloras viarias no rural e recolle demandas da veciñanza

LugoXa
Acompañado por Ana González Abelleira, Miguel Fernández supervisou os traballos realizados en San Salvador de Muxa, Campiña, Santiago de Saa e Meilán
zona-rural-de-Lugo-Miguel-Fernández
15 Mar 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou as últimas actuacións de mellora viaria rematadas en distintas parroquias do rural lucense.

Acompañado pola concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira, o rexedor supervisou os traballos realizados en San Salvador de Muxa, Campiña, Santiago de Saa e Meilán, onde tamén recolleron as demandas da veciñanza para seguir avanzando na mellora das infraestruturas.

“O Concello de Lugo segue a traballar para mellorar as comunicacións no noso rural, porque entendemos que contar con boas infraestruturas viarias é fundamental para que os veciños e veciñas poidan vivir con comodidade e seguridade”, subliñou Miguel Fernández, quen destacou o compromiso do Goberno local co desenvolvemento equilibrado de todo o territorio. “As 54 parroquias do municipio forman parte esencial do progreso de Lugo e queremos garantirlles servizos de calidade, cun rural dinámico que favoreza a fixación de poboación e atraia novos habitantes”, engadiu.

As intervencións en San Salvador de Muxa e Campiña foron executadas pola brigada municipal e o parque móbil, empregando recursos propios. Os traballos permitiron mellorar o firme en tramos deteriorados, atendendo ás demandas veciñais co obxectivo de incrementar a seguridade e fluidez da circulación. “Realizar estas actuacións con persoal propio supón un importante aforro para as arcas municipais, polo que trataremos de manter esta liña sempre que o cadro de persoal o permita”, explicou Ana González Abelleira.

Pola súa banda, as obras en Santiago de Saa e Meilán foron financiadas a través do Plan Único Provincial da Deputación de Lugo 2024, cun investimento de 117.880,09 euros en Meilán e 107.645,24 euros en Santiago de Saa. As melloras consistiron na aplicación de aglomerado en quente para renovar o firme e na optimización do sistema de drenaxe, co obxectivo de garantir unha circulación máis eficiente e evitar problemas de acumulación de auga.

En Meilán, a actuación centrouse na estrada que conecta a N-VI coa LU-P-2902, atravesando o núcleo rural de Guntín, mentres que en Santiago de Saa acondicionouse a vía que comunica a LU-612 cos núcleos de Barreiro, Faxilde e Cuíña, reforzando a accesibilidade entre estas zonas.

“Estamos a actuar en varios puntos do municipio para mellorar a seguridade e accesibilidade das estradas municipais, adaptando cada obra ás necesidades específicas de cada zona e empregando materiais de calidade”, destacou González Abelleira.

A visita permitiu tamén establecer un diálogo directo coa veciñanza, que aproveitou para trasladar aos responsables municipais novas propostas e necesidades. “Escoitar aos veciños e veciñas é clave para planificar futuras actuacións e garantir unha resposta eficaz ás súas demandas”, sinalou o alcalde.

De cara aos vindeiros meses, o Concello ten previsto executar novas melloras viarias en distintas parroquias, dentro do Plan Único Provincial 2024 e doutros programas de investimento. “Seguimos a traballar para dotar ao rural das mellores condicións posibles, porque queremos que as persoas poidan desenvolver os seus proxectos de vida con estabilidade e comodidade”, concluíu Miguel Fernández.

0.1277449131012