O Concello de Lugo creará catro novas licenzas de taxi adaptado e ampliará o servizo a demanda no rural

LugoXa
O Concello traballa para estender esta prestación a Orbazai, Adai e Meilán, mentres estudará alternativas para mellorar o transporte nocturno
reunión-concello-de-lugo-e-taxi
21 Oct 2026

O Concello de Lugo e a Asociación Provincial de Taxistas e Radio Taxi avanzaron en novas medidas para mellorar a mobilidade no municipio, entre as que destaca a creación de catro novas licenzas permanentes de taxi adaptado. O acordo busca ampliar a oferta de vehículos adaptados e facilitar os desprazamentos das persoas que precisan este tipo de transporte.

A medida abordouse nunha reunión presidida pola alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Mobilidade e Obras, Antonio Ameijide, na que tamén se analizaron novas posibilidades para mellorar a cobertura do transporte público no rural.

Outro dos asuntos centrais do encontro foi a ampliación do servizo de taxi a demanda ás parroquias rurais. O Concello traballa para estendelo a Orbazai, Adai e Meilán, despois de que comezase a funcionar en Carballido e Labio.

A intención municipal é implantar progresivamente este modelo ata alcanzar todas as parroquias do municipio. A ampliación pretende mellorar as opcións de desprazamento da veciñanza do rural, especialmente daquelas persoas que non dispoñen doutras alternativas de transporte público.

Durante a reunión tamén se puxo sobre a mesa a necesidade de mellorar as posibilidades de transporte durante a noite. Neste ámbito, o Concello estudará outras fórmulas para responder ás necesidades de mobilidade nocturna no municipio.

0.15570378303528