O Concello de Lugo dá luz verde a varios proxectos de abastecemento, recollida de lixo e varias obras

O Concello de Lugo impulsa tres novas actuacións orientadas a mellorar a xestión dos recursos e facer máis eficientes os servizos municipais, con dous proxectos relacionados coa rede de auga e unha actuación para modernizar a recollida do vidro.
Por unha banda, licitouse a redacción do proxecto de mellora e desenvolvemento do sistema de auga rexenerada de Lugo, co obxectivo de definir como aproveitar a auga depurada para usos autorizados e establecer as instalacións e os sistemas de control necesarios para facelo con todas as garantías. O proxecto estudará tamén o posible aproveitamento de infraestruturas e equipamentos xa existentes.
O orzamento base de licitación para a redacción deste proxecto é de 50.000 euros.
O Concello tamén licitou o subministro de contedores de vidro intelixentes, cunha capacidade de 3.000 litros, que incorporarán sensores compatibles cos sistemas municipais e coa plataforma Lugo Smart.
Estes sensores permitirán coñecer o nivel de enchido dos contedores e organizar as rutas de recollida en función desa información, co obxectivo de reducir percorridos innecesarios dos vehículos. Tamén contarán con sistemas de aviso ante situacións como o vuelco ou un incendio. O orzamento base desta actuación é de 200.000 euros.
A terceira licitación é a da redacción do proxecto de dixitalización e sectorización dunha parte da rede municipal de abastecemento de auga.
O obxectivo é mellorar o coñecemento e o control da rede, definindo puntos de sectorización e sistemas de medición e control, como caudalímetros e sensores de presión, así como os equipos necesarios para transmitir e integrar a información nos sistemas municipais existentes.O proxecto tamén definirá as obras e elementos necesarios para a súa posterior execución e licitación.
O orzamento base para a súa redacción é de 14.999,99 euros.
Axudas para organizacións sen ánimo de lucro
A Xunta de Goberno Local aprobou a convocatoria de subvencións para asociacións e entidades privadas sen ánimo de lucro destinadas a financiar proxectos de interese social relacionados coa igualdade, a integración da muller, a loita contra as violencias machistas e a diversidade afectivo-sexual, cunha dotación total de 25.000 euros.
As axudas articularanse en dúas liñas: unha destinada a iniciativas de igualdade de xénero e integración da muller, incluíndo a prevención das violencias machistas e a participación da muller rural, e outra centrada na sensibilización e visibilización das persoas LGTBIQ+, a promoción dos seus dereitos, a orientación e o asesoramento e as actividades de inclusión.
Na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá tamén adxudicou o renting de seis novos vehículos patrulla para a policía local, por un importe total de 496.438,80 euros, IVE incluído, e cunha duración de 60 meses. Deste xeito se regulariza un contrato que estaba caducado dende o mes de abril, cumprindo un dos obxectivos do novo goberno local de eliminar os pagos con reparos aos proveedores de servizos.
O contrato foi adxudicado a Autos Iglesias, S.L. e contempla cinco Renault Austral Techno Full Hybrid E-Tech 200 con kit de detidos e un sexto vehículo do mesmo modelo sen este equipamento. A empresa compromete tamén a entrega dos seis vehículos nun prazo de catro días naturais desde a formalización do contrato e unha ampliación de 30.000 quilómetros anuais sobre os 40.000 previstos inicialmente.
Melloras nos accesos a tres núcleos rurais
Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno Local aprobou o proxecto e o expediente para contratar as obras de mellora dos accesos aos núcleos de Trasfontao e Pollido, en Coeses, e Ribadelo, en Ribas de Miño.
A actuación, incluída no Plan de Actuacións en Camiños Rurais 2026-2027, conta cun orzamento de licitación de 122.481,22 euros, IVE incluído, dos que 102.630 euros corresponden á axuda concedida pola Xunta de Galicia, cofinanciada con fondos FEADER.
A contratación tramitarase mediante procedemento aberto simplificado.
Outro dos asuntos aprobados hoxe foi o do cambio de titularidade do posto número 26 do Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros, por xubilación da actual titular.
A nova concesión corresponderá a Aakash Tufchi, que prevé iniciar unha actividade de restauración especializada en cociña tradicional india, concretamente gastronomía de Delhi.
No ámbito da organización municipal, a Xunta de Goberno Local resolverá o procedemento para a cobertura temporal da Xefatura do Servizo de Educación mediante comisión de servizos.
A proposta contempla o nomeamento de María del Carmen Carlín Arias, por un período máximo dun ano, prorrogable por outro ano no caso de que o posto non fose cuberto definitivamente.