O Concello de Lugo entrega á Xunta a documentación para solicitar a ARI da Milagrosa e Feijóo

LugoXa
O proxecto prevé mobilizar máis de 13,6 millóns de euros en melloras residenciais
entrega-solicitude-da-ARI-da-Milagrosa-e-Feijóo-Concello-de-Lugo
18 Jun 2026

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, entregou en man á conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María José Allegue, a documentación aprobada pola Xunta de Goberno Local o pasado 15 de xuño para solicitar a declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos barrios da Milagrosa e Feijóo.

A proposta municipal abrangue un total de 27 rúas destes dous barrios e supón un paso clave para que Lugo poida optar ás futuras liñas de financiamento destinadas á rehabilitación residencial previstas no Plan Estatal de Vivenda 2026-2030.

A entrega da documentación permitiu manter unha reunión de traballo entre ambas as administracións co obxectivo de coordinar a tramitación da solicitude e avanzar nos seguintes pasos dun proxecto considerado estratéxico para a cidade. Durante o encontro, Elena Candia agradeceu a disposición e colaboración da Xunta de Galicia.

A partir de agora, será a administración autonómica a encargada de revisar a documentación e continuar coa tramitación necesaria para resolver a solicitude presentada polo Concello.

De forma paralela, o Goberno local xa traballa na preparación das futuras bases reguladoras e dos mecanismos de xestión necesarios para poder activar as convocatorias en canto se concreten os fondos previstos.

Ademais, prevese a creación dunha oficina de información e asesoramento no barrio da Milagrosa co obxectivo de acompañar á veciñanza durante todo o proceso e facilitar a tramitación das futuras solicitudes.

O ámbito proposto permitiría mobilizar un investimento estimado superior aos 13,6 millóns de euros para actuacións de rehabilitación, mellora da eficiencia enerxética, accesibilidade e conservación de edificios e vivendas. As axudas poderían situarse entre os 34.000 e os 50.500 euros por vivenda, en función das actuacións e dos criterios que se establezan nas convocatorias do Plan Estatal de Vivenda.

Con esta iniciativa, o Executivo local busca avanzar na rehabilitación dos barrios, a mellora do parque residencial existente e o acceso da cidadanía ás axudas públicas para a renovación de vivendas.

O Concello de Lugo subliña que o obxectivo é anticiparse á distribución dos fondos para estar preparado desde o primeiro momento e facilitar que a veciñanza poida beneficiarse destas axudas no menor prazo posible.

0.12466192245483