O Concello de Lugo esixe ás empresas responsables da peonalización que reparen os desperfectos das obras

LugoXa
Os problemas afectan a pavimentos, baldosas e arquetas e inclúen danos no muro do CEIP Quiroga Ballesteros
lousas-centro-de-Lugo
1 Sep 2026

O Concello de Lugo requiriu ás tres empresas responsables das obras de peonalización executadas na cidade que corrixan os desperfectos detectados tras os traballos. As deficiencias localizadas afectan a diferentes puntos das actuacións e están a provocar problemas en pavimentos, baldosas e arquetas, ademais de danos no muro do CEIP Quiroga Ballesteros.

Os requirimentos xa foron trasladados ás empresas e establecen diferentes prazos para executar as reparacións, que finalizan entre o venres e o luns, en función de cada actuación e da compañía responsable.

Entre as incidencias detectadas figuran baldosas e pavimentos que presentan roturas, arquetas deterioradas e desniveis no firme que poden supoñer un risco para as persoas que transitan por estas zonas. A estas deficiencias súmanse os danos ocasionados no muro do CEIP Quiroga Ballesteros durante a execución dos traballos.

O concelleiro de Mobilidade e Obras advertiu de que, se as empresas non acometen as actuacións necesarias dentro dos prazos establecidos, o Concello procederá á súa reparación con medios propios de maneira inmediata.

O responsable municipal explicou que o Goberno local xa dispón dun contrato adxudicado para levar a cabo a renovación e reparación dos desperfectos existentes nas obras de peonalización realizadas no casco histórico, entre outros puntos do recinto amurallado. Deste xeito, o Concello asegura que poderá intervir directamente se as empresas non cumpren cos requirimentos formulados.

0.14591693878174