O Concello de Lugo formaliza a recepción parcial do Polígono 2 da Louzaneta

LugoXa
O acordo coa Xunta de Compensación permitirá avanzar no soterramento da liña eléctrica e na regularización urbanística do ámbito
recepción-polígono-2-da-Louzaneta-Concello-de-Lugo-PP
20 Jul 2026

O Concello de Lugo formalizou a recepción parcial do Polígono 2 da Louzaneta, un paso que supón, segundo os populares, "o desbloqueo dun dos expedientes urbanísticos máis complexos da cidade, paralizado durante máis de vinte anos". A actuación dá continuidade ao acordo alcanzado entre o Goberno local e a Xunta de Compensación, anunciado a pasada semana pola alcaldesa, Elena Candia, tras varias semanas de traballo técnico e xurídico.

O desbloqueo foi posible despois de que os propietarios asumisen o pagamento de 80.322 euros para financiar o soterramento da liña eléctrica de media tensión. A Xunta de Compensación ingresou esta contía nas arcas municipais o pasado 16 de xullo, cumprindo así as condicións necesarias para formalizar a recepción parcial da urbanización.

Coa sinatura da acta, o Concello asumirá agora a coordinación dos traballos e dos trámites necesarios para executar o soterramento da liña de media tensión, unha actuación que será sufragada polos propietarios.

Desde o Goberno local destacan que este acordo vai máis aló dun trámite administrativo e pon de manifesto que, con vontade política, diálogo e rigor técnico, é posible resolver expedientes que levaban anos sen avances.

O acto contou tamén coa presenza de Tomás Notario Vacas, autor do proxecto de urbanización da Louzaneta-Areeiras, quen asistiu á formalización dun acordo que contribúe a facer realidade unha iniciativa na que participou hai décadas. A súa presenza achegou un carácter simbólico ao acto ao representar a culminación dun proceso que permaneceu bloqueado durante anos.

A recepción parcial do Polígono 2 constitúe o primeiro paso da folla de ruta marcada polo Concello para continuar coa regularización do resto dos ámbitos da Louzaneta, incluídos o Polígono 1, o Polígono 3 e a zona industrial, dando resposta a unha reivindicación histórica da veciñanza.

0.12641000747681