O Concello de Lugo formaliza o contrato para iniciar a roza das pistas municipais do rural

LugoXa
O servizo contará cun investimento superior aos 203.000 euros e os traballos comezarán a próxima semana nas catro zonas do municipio
aprobación-proxecto-rozas-no-rural-Lugo
2 Jul 2026

O Concello de Lugo formalizou o contrato para a execución dos traballos de roza das pistas municipais do rural, un servizo que permitirá iniciar a próxima semana os labores de limpeza e mantemento da rede viaria das parroquias do municipio.

A actuación contará cun investimento de 203.280 euros e organizouse en catro lotes co obxectivo de garantir unha intervención máis áxil e eficaz en todo o territorio rural. Os lotes 1 e 2, correspondentes ás zonas Leste e Norte, foron adxudicados á empresa Diego Besteiro, mentres que os lotes 3 e 4, relativos ás zonas Sur e Oeste, serán executados pola empresa Moure.

Os traballos consistirán na limpeza mecánica das marxes dos camiños municipais mediante tractores equipados con rozadoras para eliminar vexetación herbácea e arbustiva. Ademais, tamén se levarán a cabo intervencións manuais nos espazos onde as condicións do terreo impidan o acceso da maquinaria.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que coa sinatura do contrato remata a fase administrativa e poderá iniciarse a prestación do servizo. Segundo explicou, “o mantemento das pistas do rural é unha prioridade porque repercute directamente na seguridade, na mobilidade e no día a día da veciñanza. Traballamos para que este servizo estea operativo no momento en que máis se necesita”.

Desde o Goberno local subliñan tamén a rapidez coa que se desenvolveu a tramitación do expediente. As ofertas abríronse o pasado 8 de maio e a Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación o 8 de xuño. Unha vez completados os prazos legais establecidos para a formalización do contrato, a documentación quedou asinada este mércores.

As actuacións iniciaranse a próxima semana e desenvolveranse de maneira progresiva nas catro áreas nas que se dividiu o municipio, co propósito de mellorar a visibilidade nas vías, reforzar a seguridade viaria e facilitar o acceso a vivendas, explotacións agrarias e parcelas situadas no rural.

0.14161086082458