O Concello de Lugo impulsa a instalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos

LugoXa
O proxecto, financiado con fondos europeos, inclúe novas estacións en distintos puntos da cidade e busca fomentar unha mobilidade máis sostible
presentacion-puntos-de-carga-vehículos-eléctricos-PP-Lugo
27 May 2026

O concelleiro de Mobilidade, Antonio Ameijide, e a concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz, informaron da contratación da instalación de catro puntos de recarga para vehículos eléctricos e dous puntos adicionais destinados a bicicletas eléctricas e vehículos de mobilidade persoal, como patinetes, no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “PSTD: Et Edendo, Lucus: un recorrido histórico por la enogastronomía”, financiado a través do Ministerio de Industria e Turismo dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos Next Generation da Unión Europea.

A actuación enmárcase no Eixe 2 do programa, centrado na mellora da eficiencia enerxética, e ten como finalidade promover unha mobilidade máis sostible tanto para a cidadanía como para as persoas visitantes.

Ameijide advertiu de que, mentres a maioría das cidades xa contan con redes de recarga desenvolvidas, Lugo non dispón actualmente de ningún punto de recarga público para vehículos eléctricos en vía pública. O edil sinalou que se trata dunha demanda existente desde hai tempo entre particulares, empresas e profesionais do transporte.

Pola súa banda, Cristina Sanz destacou a importancia de aproveitar os fondos europeos para executar proxectos útiles que melloren os servizos e dean resposta ás necesidades reais da cidade. Neste sentido, incidiu en que o goberno local aposta por investimentos prácticos que melloren o día a día e deixen infraestruturas aproveitables para a cidadanía.

O Concello está a licitar dous contratos diferenciados para a instalación das estacións de recarga e para a execución da obra civil e eléctrica necesaria para a súa posta en funcionamento, cun orzamento de 66.500 euros.

As localizacións previstas para estes puntos son o Parque de Frigsa, o aparcadoiro do complexo deportivo Palomar, a parada de taxis de Ramón Ferreiro e a parada de taxis da Fonte dos Ranchos.

Ameijide destacou especialmente a instalación de dous destes puntos nas paradas de taxi, respondendo a unha demanda trasladada polo propio colectivo ante o aumento do uso de vehículos eléctricos entre os profesionais do sector. Segundo explicou, trátase de atender tanto as necesidades da cidadanía como as dun colectivo que está a facer un esforzo importante por adaptarse á mobilidade sostible.

Ademais, o goberno local tamén contratará a subministración e instalación de dous puntos de recarga destinados a bicicletas eléctricas e vehículos de mobilidade persoal, como patinetes eléctricos, cun investimento de arredor de 18.000 euros, cuxa localización se concretará nas vindeiras semanas.

O executivo municipal avanzou que iniciará a preparación dunha nova licitación para ampliar a rede de recarga en diferentes puntos da cidade, ante a demanda crecente tanto de condutores como de empresas do sector.

0.13373112678528