O Concello de Lugo impulsa melloras no Ceao e prepara novas actuacións para o San Froilán e a rede cultural

LugoXa
O Concello destina preto de 97.000 euros á mellora de tramos en tres rúas do polígono e aproba novos contratos para alumeado, promoción de mercados, cultura e seguridade
Xunta-de-Goberno-local-Lugo-23-07
23 Jul 2025

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo deu luz verde ao inicio do procedemento de contratación das obras de renovación de varios tramos en beirarrúas do Polígono do Ceao, cun orzamento base de licitación de 96.797,74 euros. Os traballos afectarán a seis treitos da rúa da Factoría, sete na rúa da Agricultura e cinco na rúa da Industria, sumando un total de 818 metros lineais.

Segundo informou o Goberno local, o proxecto contempla a substitución do actual pavimento por formigón ruleteado, unha solución máis resistente ás cargas ocasionais de vehículos e cun menor custo de mantemento fronte ás baldosas que serán retiradas. As tarefas previstas inclúen a demolición da capa de baldosas e morteiro e a posterior colocación do novo material.

Noutra orde de asuntos, a Xunta de Goberno tamén aprobou a prórroga do contrato de conservación e mantemento da rede de alumeado público municipal, que estará vixente desde o 1 de setembro de 2025 ata o 31 de agosto de 2026. Este acordo abrangue tanto o alumeado público como o ornamental, así como a rede de centros de transformación municipais. O tenente alcalde, Rubén Arroxo, destacou que esta actuación “forma parte dun investimento importante para renovar a rede de iluminación, eliminando luminarias antigas e contaminantes e substituíndoas por sistemas LED de baixo consumo”, o que tamén contribúe a mellorar a imaxe dos espazos públicos e a reducir o gasto enerxético.

No ámbito da participación cidadá, tamén se aprobou un convenio coa Deputación Provincial para a promoción dos mercados municipais, cunha achega de 40.000 euros por parte do organismo provincial. Estes fondos destinaranse a actividades como a Feira do Mel, os eventos de Nadal na praza ou campañas de promoción, exposicións e material divulgativo.

CULTURA

En relación á programación cultural, Arroxo anunciou novos pasos nos preparativos do San Froilán 2025. Aprobouse o contrato para o alugueiro das casetas que acollerán a sala de lactancia e o posto do comisariado do Recinto Feiral, con vistas ás edicións de 2025 e 2026 e posibilidade de prórroga ata 2028. Estas estruturas, de 8 x 2,5 metros, estarán equipadas con mobiliario e serán transportadas, montadas e desmontadas segundo os prazos establecidos. O contrato conta cun orzamento base de 1.744,82 euros. Ademais, licitouse tamén o servizo de coordinación de seguridade e saúde durante as montaxes dos espazos escénicos e eventos do San Froilán, cun custo inicial de 3.025 euros e posibilidade de estenderse ata 2028.

Tamén se ratificou a prórroga do clube de lectura da Biblioteca Isidro Novo, coordinado pola escritora Antía Yáñez. As sesións celebraranse cada dous xoves entre outubro e xuño, de 18:00 a 19:30 horas. A información sobre o clube estará dispoñible nas redes sociais da biblioteca e no Boletín Cultural. O investimento anual desta actividade é de 3.194,40 euros.

Por último, a Xunta de Goberno aprobou a ratificación do convenio entre o Concello e a Deputación para cofinanciar actuacións de mellora en espazos culturais como o Auditorio Gustavo Freire, o Auditorio Fuxan os Ventos e o Vello Cárcere. A Deputación achegará 125.000 euros, mentres que a área de Cultura investirá 26.400 euros. No Gustavo Freire realizaranse actuacións como a renovación da alarma de incendios, instalación dun truss frontal motorizado e electrificado, adquisición dunha plataforma elevadora eléctrica, reforma dun camerino adaptado para persoas usuarias de cadeira de rodas, repintado do chan do escenario e compra de 120 cadeiras e un carro de transporte. No Auditorio Fuxan os Ventos instalarase tamén unha plataforma elevadora e adquiriranse 120 cadeiras co seu respectivo carro. No caso do Vello Cárcere, renovarase a alarma de incendios.

⚙ Configurar cookies
0.16043710708618