O Concello de Lugo impulsa o desbloqueo do proxecto de saneamento e abastecemento de Esperante

A alcaldesa de Lugo mantivo unha reunión de traballo co xefe de Medio Ambiente co obxectivo de desbloquear a situación do proxecto de saneamento e abastecemento de Esperante e coordinar as xestións que se están levando a cabo con Augas de Galicia para avanzar na súa tramitación.
Durante o encontro, a rexedora encargou continuar coa supervisión técnica do proxecto para corrixir as deficiencias advertidas pola Xunta de Galicia nun requirimento emitido no ano 2023. O propósito é completar os trámites necesarios que permitan executar esta infraestrutura e avanzar cara á súa materialización.
O Executivo municipal considera esta actuación unha prioridade, xa que forma parte dos compromisos asumidos polo actual Goberno local. O obxectivo pasa por avanzar na sinatura do convenio necesario para facer realidade o saneamento e abastecemento desta zona e poder proceder posteriormente á licitación das obras.
Desde o Goberno local lembran que se trata dunha intervención para a que existen recursos comprometidos desde hai anos por parte da Xunta de Galicia, administración que asumirá o financiamento do 70 % da actuación prevista.
O Concello subliña tamén a importancia de reactivar este proxecto para dar resposta a unha demanda histórica da veciñanza de Esperante e continuar mellorando os servizos básicos nesta contorna rural.