O Concello de Lugo impulsa un curso de restauración de mobles con boa acollida en Santiago de Saa

A Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo continúa a desenvolver un curso de restauración de mobles na Asociación de Veciños de Santiago de Saa, unha proposta formativa que está a rexistrar unha elevada participación e unha boa acollida entre a veciñanza.
A concelleira de Participación, Cristina López, achegouse a unha das sesións da actividade e destacou a importancia de promover este tipo de iniciativas nas parroquias do rural. Subliñou que o obxectivo é achegar actividades que respondan aos intereses da cidadanía e que permitan adquirir coñecementos útiles para o día a día.
O curso céntrase na aprendizaxe de técnicas básicas de restauración e conservación de mobles, incluíndo a preparación de superficies, o lixado, a reparación de pequenos danos e a aplicación de distintos acabados. As persoas participantes combinan contidos teóricos con sesións prácticas nas que poden aplicar de forma directa o aprendido.
A edil tamén puxo en valor o compoñente social da actividade, ao considerar que este tipo de cursos se converten en espazos de encontro que favorecen a convivencia e fortalecen a participación veciñal nas parroquias.
Esta iniciativa forma parte da programación formativa que a Tenencia de Alcaldía desenvolve ao longo do ano co obxectivo de dinamizar a vida nas parroquias e facilitar o acceso da cidadanía a novas oportunidades de aprendizaxe.