O Concello de Lugo impulsará oito novas rotondas para gañar fluidez no tráfico urbano

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, acompañados polo enxeñeiro municipal Pablo Fuentes, presentaron un conxunto de actuacións orientadas a mellorar a mobilidade urbana que contempla a construción de oito novas rotondas en diferentes zonas da cidade.
Os proxectos distribúense por varios puntos do municipio. Na contorna noroeste inclúense as interseccións da Avenida de Breogán coa rúa Orquídea e da rúa Santo Graal con Angelo Colocci. Pola súa banda, na zona sur prevese a execución dunha rotonda no cruzamento da rúa Alfonso X O Sabio coa Estrada da Granxa, un enclave estratéxico pola súa conexión coa N-VI.
A Avenida de Magoi concentra a maior parte das actuacións, con cinco rotondas previstas. Dúas delas situaranse nos cruces coa Estrada da Granxa e coa rúa Campos Novos, mentres que as outras tres estarán na contorna do Auditorio, nas conexións coas rúas do Valiño, Bispo Ona de Echave e Madanela.
Durante a presentación, Arroxo explicou que esta iniciativa responde a un traballo planificado desde hai meses e que xa fora avanzado durante o verán, cando se anunciou a intención de incluír unha partida específica nos orzamentos municipais. O obxectivo, segundo indicou, é substituír parte dos cruces regulados por semáforos por glorietas, sempre que as condicións o permitan.
O responsable municipal subliñou que estas intervencións só se executarán naqueles puntos onde sexan viables desde o punto de vista técnico e da seguridade, lembrando que non todos os cruces poden adaptarse a este modelo debido ás limitacións de espazo.
Entre os beneficios que se perseguen figura a mellora da fluidez do tráfico e a redución das retencións, especialmente nas horas de maior intensidade circulatoria, ao considerar que as rotondas permiten unha circulación máis continua que os sistemas semafóricos.
O deseño das novas infraestruturas tomará como referencia exemplos recentes xa implantados na cidade, como o da rotonda situada no cruzamento de Alfonso X coa Ronda de Fingoi, que segundo destacou Arroxo está a ofrecer bos resultados. Ademais, o plan inclúe medidas para reforzar a seguridade peonil, coa instalación de pasos elevados que faciliten o tránsito e melloren a visibilidade.
Con esta actuación, a Tenencia de Alcaldía reafirma a súa aposta pola modernización da rede viaria de Lugo, coa intención de avanzar cara a unha cidade máis segura, accesible e adaptada ás necesidades da veciñanza.