O Concello de Lugo incrementa ata 180.000 euros as axudas ás asociacións do Arde Lucus

LugoXa
Pola súa parte, Clan de Breogán critica o cambio no sistema de axudas do Arde Lucus e cuestiona a súa participación
Arde-Lucus-2025-xente
Actualizada el 21 marzo 2026, 22:44 horas
20 Mar 2026

O Goberno local de Lugo aumentará este ano ata os 180.000 euros a partida destinada ás asociacións de recreación histórica que participan no Arde Lucus, unha cifra que representa o 43 % do orzamento municipal da festa. Estas achegas deberán tramitarse mediante subvencións nominativas, segundo confirmou o edil de Xuventude, Jorge Bustos.

A principal novidade nesta edición será a posibilidade de que os colectivos poidan recibir por adiantado o 90 % da contía concedida, unha medida coa que o Concello pretende evitar que teñan que asumir gastos previos na organización de actividades. Segundo explicou Bustos, esta fórmula facilitará cuestións como a preparación de obradoiros, a montaxe dos campamentos, a adquisición de materiais ou o desenvolvemento doutras iniciativas ao longo do ano.

O responsable municipal destacou que esta decisión reforza o compromiso do Goberno local co tecido asociativo vinculado ao Arde Lvcvs, unha celebración que contará cun orzamento total de 420.000 euros, dos cales 180.000 estarán destinados directamente a estas entidades.

As subvencións deberán xustificarse conforme á normativa vixente, tendo en conta os distintos gastos que afrontan estas asociacións. Entre eles inclúense custos derivados da montaxe e desmontaxe dos campamentos, o transporte de materiais, os seguros, o vestiario de recreación histórica ou o mantemento e mellora das instalacións situadas na contorna da Castra ou no casco histórico da cidade.

As entidades beneficiarias deberán cumprir coas obrigas establecidas, entre elas a xustificación detallada da programación e dos gastos realizados, en liña coas esixencias aplicables a calquera colectivo sen ánimo de lucro que recibe financiamento público.

Porén, a Asociación de Recreación Histórica Clan de Breogán, unha das entidades que participa no Arde Lucus, publicou un comunicado no que expresa o seu malestar polas decisións do Concello de Lugo en relación ao sistema de financiamento das asociacións.

O colectivo amosa o seu total desacordo coa proposta municipal de substituír os contratos menores por subvencións nominativas. Segundo explican, esta modificación implica que moitas das actividades que desenvolven, así como o traballo manual e de investigación necesario para a elaboración de estruturas, atrezzo, traslado de materiais ou montaxe e desmontaxe dos campamentos, pasen a depender da aprobación administrativa, en lugar de contar cun contrato que estableza con claridade as condicións e obrigas de ambas partes.

Desde Clan de Breogán consideran que este modelo non recoñece adecuadamente o labor que realizan e critican que o seu traballo non está sendo valorado como corresponde. Ademais, sinalan que comparten o malestar doutras asociacións.

Neste contexto, advirten de que, no caso de que a Concellería responsable non rectifique a súa postura, a súa participación no Arde Lucus podería quedar en suspenso. A situación resulta especialmente significativa, tal e como indican, ao tratarse dun ano marcado por celebracións destacadas, como o 25 aniversario da festa e o décimo aniversario da propia asociación.

O colectivo lamenta que un evento que debería estar centrado na unión e na celebración estea condicionado por estas circunstancias, deixando no aire a súa presenza nunha das citas culturais máis importantes da cidade.

Tamén, a asociación Civitas Lucensis fixo público un comunicado no que expresa o seu “profundo malestar” ante a intención do Concello de Lugo de modificar o modelo de relación coas asociacións participantes no Arde Lucus. Segundo denuncian, o sistema actual de contratación podería ser substituído por unha fórmula baseada en subvencións, un cambio que consideran prexudicial para a súa actividade.

Dende a entidade advirten que este novo modelo “altera por completo a natureza” da súa participación e non recoñece nin cobre boa parte do traballo que realizan. Entre as tarefas que asumen destacan a construción, conservación, almacenaxe, montaxe, desmontaxe e transporte de materiais, ademais da implicación continuada ao longo de todo o ano que dá sentido á festa.

No comunicado, Civitas Lucensis subliña que as asociacións non só xeran gastos externos, senón que tamén achegan traballo, recursos propios e estruturas desenvolvidas con esforzo. “Tratar todo iso como se non tivese valor é inxusto e desvirtúa a realidade da nosa achega”, sinalan.

Así mesmo, alertan de que o cambio suporía maiores cargas administrativas, máis incerteza e un incremento do risco económico para as asociacións, ademais dunha maior responsabilidade xurídica. Consideran especialmente grave que esta modificación se formule a poucos meses da celebración, rompendo un modelo que, malia os seus inconvenientes, permitiu consolidar o Arde Lucus ao longo dos anos.

Finalmente, Civitas Lucensis reitera o seu compromiso coa festa, coa cidade de Lugo e co traballo colectivo que fixo medrar este evento. Non obstante, reclaman un marco “xusto, estable e coherente” que recoñeza axeitadamente o seu labor, e advirten de que, de non ser así, a súa participación na vindeira edición do Arde Lucus queda no aire.

0.91489601135254