O Concello de Lugo inicia a coordinación do Arde Lucus 2026, que celebrará o seu 25 aniversario

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto cos concelleiros Damián Carballo e Mar Carballas, mantiveron un encontro de traballo con representantes das asociacións que fan posible cada ano o Arde Lucus co obxectivo de iniciar a coordinación da próxima edición da celebración, que terá lugar entre o 18 e o 21 de xuño de 2026 e coincidirá co 25 aniversario desta festa de recreación histórica.
Durante a reunión abordáronse diferentes cuestións organizativas e administrativas relacionadas coa colaboración entre o Concello e o tecido asociativo, destacando a vontade do novo goberno municipal de impulsar o traballo desde o diálogo, o consenso e a planificación previa.
O executivo local trasladou ás asociacións que constitúen a parte máis importante do Arde Lucus e subliñou que calquera decisión que lles afecte deberá ser estudada, dialogada e planificada coa suficiente antelación, consensuando tamén os posibles cambios que se poidan adoptar.
No encontro, tanto as asociacións como o goberno municipal coincidiron na importancia de comezar xa a preparar unha edición especial do Arde Lucus con motivo do seu 25 aniversario.