O Concello de Lugo inicia as obras de reposición do pavimento na rúa San Marcos

LugoXa
O Goberno local estuda solucións máis resistentes para reforzar a durabilidade dos firmes no casco histórico e nas zonas da ZBE
Obras-San-Marcos-pavimento-Lugo-26
18 May 2026

O Concello de Lugo iniciou as obras de reposición do pavimento na rúa San Marcos, nun tramo peonil que presentaba un importante estado de deterioro tras soportar durante meses desvíos de tráfico derivados das actuacións vinculadas á Zona de Baixas Emisións.

A intervención céntrase na renovación do firme nunha zona pola que habitualmente apenas circulan vehículos, pero que sufriu danos a consecuencia do incremento puntual do tráfico provocado polas obras desenvolvidas no marco da ZBE.

Durante unha visita aos traballos, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, explicou que o Goberno local está a analizar alternativas técnicas máis resistentes para aplicar nos espazos do casco histórico nos que exista un maior tránsito de vehículos e accesos de carga e descarga. O obxectivo, segundo indicou, é implantar solucións máis duradeiras, seguras e adaptadas ao uso diario destas áreas urbanas.

Candia lembrou ademais o compromiso do Executivo municipal de avanzar en melloras que permitan reforzar a durabilidade dos pavimentos vinculados á Zona de Baixas Emisións e evitar os problemas de deterioro rexistrados nos últimos anos en distintos puntos da cidade.

No marco do funcionamento ordinario dos servizos municipais, o Concello formalizou tamén a proposta de adxudicación da obra de reforzo de firmes na glorieta da Avenida Benigno Rivera coa Avenida Infanta Elena. A actuación foi adxudicada á empresa CANARGA S.L. por un importe total de 123.450 euros, IVE incluído.

Así mesmo, asinouse a proposta de adxudicación do servizo de vixilancia e seguridade do Arde Lucus 2026 á empresa SEYVI SEGURIDAD por un importe total de 44.452,98 euros, IVE incluído.

0.12089085578918