O Concello de Lugo inicia este mércores as obras de reparación do pavimento na Praza de Santo Domingo

O Concello de Lugo iniciará este mércores, día 18, as obras de reparación do pavimento no casco histórico da cidade. Os traballos comezarán na Praza de Santo Domingo, concretamente no tramo situado diante da Praza de Abastos, e desenvolveranse en cinco fases para reducir na medida do posible as molestias á veciñanza e aos establecementos comerciais.
Segundo a planificación municipal, tras esta primeira intervención, as obras continuarán pola rúa Armanyá, na saída cara á Praza de Santo Domingo; as rúas Amor Meilán e Quiroga Ballesteros; a rúa Bolaño Rivadeneira; e, finalmente, a rúa Montevideo, no tramo comprendido entre Ramón y Cajal e a rúa Nova.
A primeira fase implicará cambios na circulación. O carril situado fronte á escaleira da Praza de Abastos quedará ocupado polos traballos, polo que se interromperá a circulación de entrada por esta vía en dirección á Praza Armanyá.
Tamén se restrinxirá o estacionamento na zona central de carga e descarga, polo que haberá menos prazas dispoñibles durante o desenvolvemento das obras.
O Concello sinala que se garantirá o paso peonil e o acceso ás vivendas e aos locais comerciais. Así mesmo, procurarase manter o acceso aos garaxes na medida do posible.
Con esta intervención, o Concello acometerá a reparación do pavimento en distintos puntos do casco histórico, nunha actuación organizada en cinco fases.