O Concello de Lugo instala 80 novos contedores para pilas en centros municipais

O Concello de Lugo, a través da área de Transición Ecolóxica, vén de distribuír 80 novos contedores para pilas en centros de convivencia e dependencias municipais co obxectivo de unificar e impulsar a recollida selectiva deste tipo de residuos. Así o anunciou o alcalde, Miguel Fernández, durante unha visita ao centro de convivencia Paco Martín, onde xa se instalou un destes depósitos.
Os novos contedores, cunha capacidade de 15 litros, forman parte da campaña ‘Apila as túas pilas’ e substitúen os modelos antigos dentro dun proceso de renovación e ampliación da rede de recollida. O sistema permite illar completamente os residuos e incorpora un teléfono de contacto para solicitar o seu baleirado, o que o Concello denomina “baleirado á carta”, complementando a recollida periódica.
Ata o momento, a cidadanía debía depositar as pilas en puntos temporais, grandes superficies comerciais ou no punto limpo do polígono do Ceao. Con esta nova distribución, facilítase o acceso a contedores próximos en centros municipais, favorecendo unha reciclaxe máis cómoda e accesible.
O alcalde destacou tamén o incremento da concienciación cidadá, sinalando que a recollida de pilas no punto limpo pasou de 699 quilos no ano anterior a 754 en 2024 e 1.355 no último ano rexistrado, o que evidencia unha evolución positiva no comportamento ambiental da veciñanza.