O Concello de Lugo licita a reforma integral do espazo público de Paradai por case 498.000 euros

O espazo público de Paradai, situado entre a avenida Infanta Elena e a rúa Alexandre Bóveda e coñecido por acoller as festas do barrio, será obxecto dunha renovación integral para incorporar máis zonas verdes, áreas de xogo e deporte e espazos de sombra e descanso. O Concello vén de licitar esta actuación, cun orzamento de 497.949,69 euros, IVE incluído, e cuxa apertura de ofertas está prevista para o próximo 3 de decembro.
O proxecto abrangue unha superficie aproximada de 3.000 metros cadrados e contempla, entre as principais intervencións, a creación dunha nova zona infantil de 228 metros cadrados, máis ampla e con xogos para diferentes idades, que contará cunha cuberta para proporcionar sombra. Tamén se instalará unha tirolina e unha pista multideporte na que se poderán practicar actividades como fútbol, baloncesto, tenis ou voleibol.
A renaturalización será outro dos eixes da reforma, coa incorporación de novas árbores e zonas axardinadas con céspede natural, que se sumarán á vexetación existente, que se conservará. Ademais, instalaranse novos bancos e papeleiras e manterase a fonte de auga potable, co obxectivo de crear un espazo máis agradable para pasear, descansar e compartir tempo.
A intervención inclúe tamén a renovación dos pavimentos con materiais de cores claras, que absorben menos calor, e a eliminación de barreiras nos percorridos para mellorar a accesibilidade. Así mesmo, habilitarase un sistema de drenaxe para recoller e reter temporalmente a auga da chuvia e incorporaranse novas instalacións de rega e iluminación na pista deportiva.
A obra terá un prazo de execución de seis meses desde a adxudicación e intégrase no Plan de Actuación Integrado Lugo Novo Norte. Estará cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea a través dos fondos FEDER e no 40 % restante con achega municipal.