O Concello de Lugo licita o proxecto para construír tres novas pistas cubertas de petanca en Frigsa

LugoXa
As instalacións terán dimensións regulamentarias e permitirán practicar este deporte durante todo o ano, atendendo ás demandas dos clubs Petanca Lugo e Petanca Muralla
Club-Petanca-Lugo-campo-Frigsa
11 Nov 2026

O Concello de Lugo vén de sacar a licitación a asistencia técnica para redactar o proxecto de construción de tres novas pistas cubertas de petanca no parque de Frigsa. A actuación responde ás peticións dos clubs Petanca Lugo e Petanca Muralla, así como de persoas usuarias destas instalacións, que reclaman poder practicar este deporte durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.

As novas pistas situaranse nas inmediacións das dúas coas que xa conta o parque, ampliando así a oferta deportiva deste espazo. Segundo recolle a memoria técnica, cada unha terá unhas dimensións regulamentarias de 15 por 4 metros e as tres estarán integradas nunha única superficie, sen separación física entre elas. A cuberta estará formada por unha estrutura metálica e paneis tipo sándwich.

O proxecto deberá incluír tamén a instalación de iluminación, a previsión dunha nova subministración eléctrica e os traballos complementarios necesarios para o funcionamento das pistas. Entre eles figuran a drenaxe, a pavimentación dos accesos, a instalación de mobiliario urbano e a adaptación do sistema de rega existente.

A asistencia técnica tramítase mediante un contrato menor cun orzamento base de licitación de 2.700 euros, sen IVE, que ascende a 3.267 euros co imposto incluído. O prazo establecido para a redacción e entrega do proxecto será de 20 días naturais desde a comunicación da adxudicación.

As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas a través do Sistema de Licitación Electrónica do Concello de Lugo ata o 13 de novembro de 2026.

0.17818403244019