O Concello de Lugo licita por case 29.000 euros unha nova área de xogos infantís na praza de Alacante

O Concello de Lugo licitou a instalación dunha nova área de xogos infantís na praza de Alacante, cun orzamento base de 28.942,08 euros, sen IVE. O novo espazo ocupará unha superficie aproximada de 85 metros cadrados e estará dotado de catro elementos destinados ao público infantil.
A zona contará cunha torre dobre con tenda e randeeira integrada, un muelle temático con forma de tractor de carácter inclusivo e outro con forma de cachorro. A proposta completarase cun conxunto infantil de mesa e banco para facilitar tamén o descanso e o xogo compartido.
O proxecto inclúe a instalación de pavimento de seguridade e un valado perimetral para delimitar e protexer a área de xogos. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 26 de novembro de 2026, ás 23:59 horas, a través da plataforma de licitación electrónica do Concello.