O Concello de Lugo pon en marcha obras por 376.000 euros e reduce a dimensión do fondo Lugo Transforma

LugoXa
A Xunta de Goberno Local aprobou a contratación da mellora da rúa Virxe da Soidade e de varios camiños, modificou as condicións do fondo de capital risco e recoñeceu a Monbus a posibilidade de recibir unha compensación polos custos da prórroga forzosa
Xunta-de-Goberno-local-Lugo-outubro
19 Oct 2026

A mellora dos accesos peonís ao colexio das Gándaras e o acondicionamento de varios camiños rurais figuran entre as actuacións aprobadas pola Xunta de Goberno Local de Lugo, que deu luz verde ao inicio da contratación de obras cun orzamento conxunto de 376.328,45 euros. Na mesma sesión, o órgano municipal abordou cambios no fondo Lugo Transforma, a continuidade do servizo de autobús urbano e novas convocatorias de axudas.

A intervención na rúa Virxe da Soidade conta cun orzamento base de licitación de 184.591,05 euros e permitirá mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil na contorna do colexio das Gándaras. O proxecto levaba anos pendente, malia que a Xunta de Goberno Local xa encargara a súa elaboración a EVISLUSA en xaneiro de 2017.

A actuación contempla unha nova beirarrúa continua e accesible xunto ao centro educativo, así como unha conexión peonil entre a Calzada das Gándaras e a rúa do Peto. Tamén se habilitará unha plataforma para a parada do autobús urbano e instalarase unha nova marquesiña.

O proxecto inclúe, ademais, a reorganización das paradas do transporte urbano e escolar e das zonas de estacionamento, a adaptación dos pasos peonís, pavimentos táctiles, varandas, sinalización e mobiliario urbano. Tamén se intervirá nas redes de servizos e nos sistemas de evacuación de augas.

Máis de 191.000 euros para camiños rurais

A Xunta de Goberno Local aprobou outros dous proxectos de mellora de camiños incluídos no Plan de Cooperación cos Concellos 2026 da Deputación de Lugo, cun investimento total de 191.737,40 euros.

O primeiro, cun orzamento de 124.318,43 euros, abrangue o camiño que comunica o Concello de Outeiro de Rei coa N-640, nas proximidades dos Silgueiros, na parroquia de Teixeiro, e o que une Portoganoi, Verín e Pacios, en San Xoán do Campo.

O segundo proxecto, dotado con 67.418,97 euros, permitirá acondicionar o Camiño da Croa, entre Toiriz e Casas Novas, na parroquia de Piúgos, e mellorar os camiños do lugar de Taboelle, en Orbazai. O prazo máximo de execución previsto para ambas as actuacións é de catro meses.

Lugo Transforma reduce o seu volume máximo de investimento

Outro dos asuntos destacados da sesión foi a modificación do contrato de xestión do fondo de capital risco Lugo Transforma, solicitada pola entidade xestora, Torsa Capital. O cambio reduce o volume máximo de investimento de 13,002 millóns a 8 millóns de euros e o compromiso mínimo de investimento de 6 a 4 millóns.

A xestora xustifica a petición polas dificultades económicas e orzamentarias que condicionaron o funcionamento do instrumento. Segundo explica, a recuperación das regras fiscais e as esixencias de estabilidade orzamentaria en 2024 obrigaron a adaptar o calendario das achegas municipais e a acompasar os desembolsos á dispoñibilidade de fondos.

O expediente tamén recolle a evolución dos remanentes de tesouraría municipais, que pasaron de 42,7 millóns de euros ao peche de 2020 a 5,3 millóns en 2024. Ademais, os informes técnicos sinalan que a propia sociedade xestora advertira en distintas ocasións de que a dimensión inicial do fondo estaba sobredimensionada respecto á capacidade de Lugo para atraer proxectos empresariais que cumprisen os requisitos de investimento.

O contrato remata o 31 de decembro de 2026 e non admite prórroga. Unha vez concluído, o Concello poderá estudar outros instrumentos para impulsar a actividade económica, o crecemento empresarial e o emprego. A modificación permitirá tamén liberar recursos que poderán destinarse a outras finalidades.

Monbus poderá solicitar unha compensación pola prórroga forzosa

En relación co transporte urbano, a Xunta de Goberno Local estimou parcialmente o recurso presentado por Monbus Urbanos S.A.U. contra a prórroga forzosa do servizo. A decisión mantén a obriga da empresa de continuar prestando o transporte, pero abre a posibilidade de compensar os custos adicionais que poida acreditar.

A prórroga acordouse despois de que a concesionaria comunicase que non quería seguir co servizo. Monbus recorreu a decisión ao considerar que as condicións impostas non facían viable a continuidade e reclamou unha compensación polos sobrecustos.

Os informes municipais de Mobilidade e Contratación consideran que esa compensación pode contemplarse se existe unha xustificación documentada dos gastos adicionais ou das posibles perdas. Ao remate do primeiro ano da prórroga, a empresa deberá presentar un informe detallado, que será revisado e auditado polo Concello.

O acordo non supón aceptar automaticamente as cantidades reclamadas nin aprobar unha actualización do prezo por quilómetro. Calquera compensación dependerá da comprobación dos gastos polos servizos municipais. O expediente tamén apunta á necesidade de iniciar canto antes a nova contratación para reducir o período de prórroga forzosa.

Axudas para ONG e asociacións veciñais

A sesión serviu tamén para aprobar as bases de dúas convocatorias de subvencións.

As axudas destinadas ás organizacións non gobernamentais de desenvolvemento contan cun orzamento de 49.000 euros: 40.000 para proxectos de cooperación ao desenvolvemento no exterior e 9.000 para iniciativas de sensibilización social no municipio.

No caso das asociacións veciñais sen ánimo de lucro, a dotación ascende a 22.500 euros. As subvencións cubrirán actividades de interese social, participación cidadá, cohesión social e dinamización dos barrios, así como gastos de mantemento e funcionamento das entidades. Cada asociación poderá recibir un máximo de 2.000 euros, sen superar o 90 % do custo total da actividade.

No ámbito cultural, o Concello avanzou na tramitación do convenio coa Fundación "la Caixa" para instalar a exposición itinerante "Colores del Mundo" na rúa San Fernando. A mostra reunirá 42 fotografías de gran formato de National Geographic e está prevista entre o 26 de outubro e o 13 de decembro de 2026.

Outros acordos: persoal, bombeiros e subministración eléctrica

A Xunta de Goberno Local aprobou a atribución temporal das funcións da Xefatura de Sección de Atención Cidadá a unha funcionaria de carreira. Tamén rectificou un erro material na identificación profesional dun membro do tribunal das probas físicas do proceso selectivo para cubrir 17 prazas de bombeiro ou bombeira condutora por quenda libre: catro da oferta de emprego público de 2023, dúas da de 2024 e once da de 2025.

Por último, adxudicou a Naturgy Clientes Empresas, S.A.U. o contrato de subministración eléctrica de alta e baixa tensión do Concello de Lugo, ao presentar a oferta economicamente máis vantaxosa. O contrato terá unha duración inicial dun ano, prorrogable por outro, cun importe anual previsto de 9.465.094,21 euros sen IVE.

0.15427780151367