O Concello de Lugo prepara a rehabilitación integral do Leirapárking cun investimento de 340.954 euros

LugoXa
O proxecto definitivo permitirá renovar o firme do aparcadoiro e diferenciará a solución entre as zonas de circulación e as prazas de estacionamento
obras-Leiraparking-HULA
7 Sep 2026

O Concello de Lugo prepara a rehabilitación integral do firme do Leirapárking cun orzamento de 340.954 euros, IVE incluído. A actuación será levada á próxima Xunta de Goberno Local co obxectivo de iniciar o procedemento de licitación das obras.

A intervención definitiva chega despois das actuacións de emerxencia realizadas durante o verán desde a área de Mobilidade para recuperar as condicións de seguridade no aparcadoiro. Aqueles traballos tiñan carácter provisional e estaban destinados a garantir o uso do espazo mentres se preparaba unha solución integral para o seu firme.

O novo proxecto contempla unha actuación sobre o conxunto do aparcadoiro, tendo en conta as características e o uso das diferentes zonas.

Segundo o documento técnico, o firme actual está composto por unha capa de zahorra e presenta un deterioro xeneralizado, polo que se considera necesaria a súa rehabilitación para mellorar as condicións de circulación e estacionamento.

A solución prevista será diferente en función da finalidade de cada espazo. Nos viais de circulación executarase unha pavimentación con mestura bituminosa en quente, mentres que nas prazas de aparcamento manterase un acabado con zahorra artificial.

Deste xeito, a actuación busca adaptar os materiais e a solución construtiva ás necesidades específicas de cada parte do Leirapárking, deixando atrás o carácter provisional dos traballos realizados durante o verán.

O BNG celebra o asfaltado do Leirapárking pero critica o atraso dunha actuación xa planificada

O BNG de Lugo valorou positivamente o anuncio do Goberno local sobre o próximo asfaltado do Leirapárking, aínda que criticou o atraso que, segundo a formación nacionalista, acumula unha actuación que xa fora planificada e iniciada durante o anterior mandato municipal.

O concelleiro do BNG Alexandre Penas lembrou que o seu grupo xa explicara no Pleno municipal celebrado en abril os motivos polos que os traballos non puideran executarse con anterioridade. "A intervención estaba preparada para ser executada, pero existía unha cuestión relacionada co PXOM que foi necesario solucionar previamente", explicou.

Segundo Penas, a actuación contaba xa cunha planificación definida desde decembro de 2025. "O que estaba asinado en decembro de 2025 era o amaño inicial, previsto para realizarse despois das choivas, mentres se elaboraba o proxecto definitivo, cun prazo previsto para xuño, para posteriormente adxudicar e executar a actuación durante os meses de verán", detallou.

Desde o BNG celebran que o Executivo de Elena Candia dea continuidade a este proxecto, aínda que lembran que a súa orixe está no anterior Goberno municipal. "Alegrámonos de que continúe unha actuación que tiñamos iniciada e tamén de que se rectifique despois de votar en contra dos orzamentos nos que se contemplaban estes investimentos", sinalou Penas.

Porén, os nacionalistas consideran que o proxecto está a sufrir unha demora que podería evitarse. "Agora o goberno de Candia limítase a anunciar o proxecto, cando nin sequera foi levado aínda á Xunta de Goberno Local. Era unha actuación cunha planificación e uns prazos establecidos e que debería terse executado durante os meses de verán", afirmou o concelleiro.

Penas asegurou ademais que o caso do Leirapárking non sería illado e acusou o actual Executivo local de ralentizar a posta en marcha doutras actuacións que quedaron preparadas durante o anterior mandato. Entre os exemplos citou a rotonda do Ceao, unha obra que foi adxudicada en maio e cuxos traballos aínda non comezaron.

"Estamos vendo como diferentes actuacións que quedaron encamiñadas polo anterior goberno sofren demoras sen explicación. Hai proxectos xa adxudicados que continúan sen iniciarse e outros que, malia contar cunha planificación previa, seguen acumulando atrasos", manifestou.

O BNG tamén considera "sorprendente" que o Goberno de Elena Candia presente agora como propios proxectos que, segundo os nacionalistas, xa foran iniciados e planificados polo anterior Executivo municipal.

"O actual goberno debería centrarse en executar con axilidade as actuacións pendentes, en lugar de demoralas e limitarse posteriormente a anunciar proxectos que xa estaban en marcha", concluíu Alexandre Penas.

0.1593029499054