O Concello de Lugo prepara o inicio das obras de humanización e mellora climática da Praza de San Lorenzo

O Concello de Lugo mantivo unha reunión de coordinación coa empresa Novavial, adxudicataria das obras de humanización e mellora do confort climático da Praza de San Lorenzo, para avanzar na planificación do inicio dos traballos.
A actuación conta cun orzamento de 419.700,93 euros, está cofinanciada nun 60 % con fondos europeos FEDER e dispón dun prazo máximo de execución de oito meses. Durante o encontro abordáronse as cuestións organizativas previas ao comezo das obras, especialmente a planificación das distintas fases e as posibles afeccións á veciñanza da contorna.
Neste sentido, o Concello celebrará unha reunión informativa coas persoas residentes o vindeiro mércores, 25 de novembro, ás 18:00 horas na propia praza. O obxectivo será explicarlles as características do proxecto, o calendario previsto e as diferentes fases de execución, ademais de resolver as dúbidas que poidan xurdir.
Na xuntanza tamén se presentará o plan de tráfico asociado á actuación, que recollerá as posibles modificacións da circulación e as afeccións aos accesos aos garaxes durante o desenvolvemento dos traballos. A planificación buscará reducir as molestias e compatibilizar as obras coa actividade habitual da zona.
Por outra banda, o Concello tamén abordou coa empresa a presenza dunha colonia felina nunha parcela próxima ao ámbito da actuación. Para protexer os animais, coordinaranse coa asociación Michos as medidas necesarias para garantir o seu benestar e evitar que as obras poidan causarlles danos ou alterar as súas condicións de vida, en aplicación do Programa municipal para a mellora e control poboacional das colonias felinas.