O Concello de Lugo presenta unha nova edición de Tarde Tardiña con teatro, circo, maxia e humor

O Concello de Lugo presentou a programación de Tarde Tardiña, o ciclo cultural dirixido ao público infantil e familiar que se desenvolverá durante os meses de verán na Praza de Santa María. O anuncio prodúcese un día despois de que o Grupo Municipal Socialista comunicase que preguntaría no próximo pleno pola ausencia de programación cultural infantil tras a desaparición de iniciativas como Tarde e Tardiña e O que queda de verán.
O Goberno local sinala que esta edición chega reforzada grazas a unha planificación que permitiu mellorar a organización do programa e consolidar unha oferta cultural estable ao longo de dous meses.
A programación inclúe espectáculos de teatro, circo, maxia e humor e dá continuidade á aposta do Executivo municipal por achegar a cultura á cidadanía durante o período estival. O Concello destaca que esta iniciativa complementa outras propostas impulsadas este ano, como o ciclo Cine na Rúa, que tamén se levou por primeira vez ao rural.
Entre os artistas e compañías participantes figura LaNördika, distinguida co Premio Nacional de Circo 2024, así como Wilbur, un dos nomes máis coñecidos do circo contemporáneo e do humor familiar, ademais doutras compañías de referencia que ofrecerán espectáculos pensados para todas as idades.
Segundo o Goberno local, esta programación reforza a continuidade de Tarde Tardiña, ampliando os seus contidos e a calidade artística para consolidarse como unha das principais propostas de lecer familiar do verán lucense. O Executivo asegura que con esta iniciativa reafirma o seu compromiso cunha oferta cultural de proximidade, diversa e accesible que contribúa tamén á dinamización dos espazos públicos da cidade.