O Concello de Lugo presenta unha programación cultural especial polas Letras Galegas

O Concello de Lugo presentou a programación organizada pola Área de Cultura con motivo do Día das Letras Galegas, unha celebración que este ano rende homenaxe á escritora e xornalista Begoña Caamaño, cunha proposta que busca achegar a súa figura á cidadanía dun xeito próximo, participativo e aberto.
A programación desenvolverase entre o sábado 16 e o domingo 17 de maio, combinando literatura, música, creación artística, memoria histórica e actividades familiares, todas elas de carácter gratuíto.
O epicentro das actividades será o Vello Cárcere, que o sábado 16 acollerá un club de lectura aberto titulado “Mulleres que reescriben os mitos”, centrado nas obras Circe ou o pracer azul e Morgana en Esmelle, dirixido a maiores de 14 anos. Tamén se celebrará o obradoiro familiar “Monstros e heroínas do mar”, para nenos e nenas de 4 a 12 anos, e a ruta participativa “Palabras presas, palabras libres”, unha visita guiada con perspectiva de xénero centrada na memoria das mulleres presas.
O domingo 17, o templete da Praza Maior acollerá o encontro cos Bolechas e unha lectura pública das obras de Begoña Caamaño, acompañada pola música de Claustromúsic@ Lugo e conducida pola xornalista Raquel González, nun acto no que tamén se interpretarán pezas da música galega.
No Vello Cárcere, a programación do domingo incluirá o contacontos teatralizado “Circe en O Vello Cárcere”, a conversa literaria “Ler a Begoña hoxe”, o obradoiro interxeracional “Cartas para Morgana” e a lectura pública dos textos elaborados polas persoas participantes.
A alcaldesa puxo en valor o papel da cultura galega como ferramenta de cohesión social e destacou a importancia de seguir creando espazos compartidos arredor do galego, especialmente entre as novas xeracións. Con esta programación, o Concello de Lugo reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua galega e coa difusión da creación cultural feita en Galicia.