O Concello de Lugo reclama á Xunta que desbloquee o proxecto hidráulico de Esperante

O Concello de Lugo esixiu á Xunta de Galicia que reactive sen máis atrasos o proxecto hidráulico de Esperante e que defina con claridade cal será o seu compromiso económico para facer posible unha actuación considerada prioritaria para a parroquia. O Goberno local lamenta que, tras anos de tramitación e sucesivos cambios sobre a proposta inicial, continúe a indefinición arredor dunha infraestrutura básica para a veciñanza.
O alcalde, Miguel Fernández, subliñou que a cidadanía lucense leva anos asumindo o canon da auga mentres, segundo indicou, a administración autonómica recadou arredor de 15 millóns de euros sen que ese esforzo tivese un retorno proporcional en investimentos hidráulicos para o municipio. “Se hai vontade política, hai marxe económica para actuar”, afirmou.
O rexedor lembrou que foi o propio Concello quen promoveu en 2022 o proxecto inicial para dotar a Esperante dunha solución definitiva en materia de saneamento, dentro dun modelo de colaboración entre administracións similar ao empregado noutras actuacións. Segundo explicou, Lugo asumía a parte correspondente do investimento coa previsión de que a Xunta fixese o mesmo.
Tras a presentación dese expediente, Augas de Galicia trasladou unha primeira serie de requirimentos técnicos que, segundo o Concello, foron atendidos para facilitar o avance da tramitación. Posteriormente chegaron novas peticións técnicas que seguían incidindo sobre a proposta inicial.
Porén, nas reunións mantidas desde finais de 2024 para tratar de desbloquear o proxecto produciuse, segundo o Goberno local, un cambio substancial. A Xunta propuxo reformular a actuación incorporando tamén obras de abastecemento que non figuraban nin no proxecto presentado inicialmente nin nos compromisos trasladados á veciñanza.
O Concello valora positivamente que se amplíen servizos para o rural lucense, pero advirte de que esta modificación elevou de forma notable o custo previsto, pasando duns dous millóns de euros iniciais a preto de 3,9 millóns. Esta circunstancia, sostén o executivo municipal, altera completamente o marco económico inicial e introduce novas obrigas financeiras non pactadas con anterioridade.
“Nós sempre estaremos do lado de sumar servizos para o rural, tamén no abastecemento, porque iso significa mellorar a calidade de vida da veciñanza. Pero o que non pode facer a Xunta é introducir unilateralmente unha ampliación desta magnitude, duplicar practicamente o custo do proxecto e non aclarar ao mesmo tempo como pensa asumir esa nova realidade económica”, manifestou Miguel Fernández.
Neste contexto, o Concello considera que, se a Xunta decide ampliar o alcance da actuación, tamén debe concretar de inmediato como se financiará ese novo escenario, especialmente tendo en conta os ingresos procedentes do canon da auga abonado pola veciñanza lucense.
“O Concello cumpriu, mantén firme o seu compromiso con Esperante e seguirá defendendo que esta actuación saia adiante. Agora é a Xunta quen ten que decidir se quere desbloquear de verdade este proxecto ou seguir instalándoo nun limbo administrativo que só prexudica aos veciños e veciñas”, concluíu o alcalde.