O Concello de Lugo rehabilitará o centro social do Castiñeiro e renovará o pavimento do aparcadoiro do HULA

O Concello de Lugo avanzará na recuperación do centro social do Castiñeiro e na mellora do aparcadoiro de terra do HULA. A Xunta de Goberno Local encargou á empresa municipal EVISLUSA a redacción do proxecto técnico e a dirección das obras de rehabilitación do edificio da Praza do Castiñeiro, por un importe de 11.270 euros. O prazo para elaborar o documento será dun mes.
O inmoble, situado na confluencia das rúas Lamas de Prado e Juana la Loca, presenta problemas de humidades, infrautilización e deterioración dos equipos informáticos. A actuación pretende recuperar o espazo como centro de convivencia e para o desenvolvemento de actividades municipais, mellorando as condicións de accesibilidade e conservación.
Na mesma sesión, o goberno local adxudicou por 272.000 euros as obras de renovación do pavimento do leiraparking do HULA. A intervención permitirá actuar sobre o firme cunha solución que reduza as necesidades de mantemento deste espazo de estacionamento.
No ámbito urbanístico, a Xunta de Goberno concedeu licenza para construír un edificio de 16 vivendas na zona da Praza Agro do Rolo, nunha parcela con fronte ás rúas Eloi Maquieira Arquitecto e Anselmo Sampedro Ania. O proxecto contempla tamén 16 prazas de garaxe, 16 rochos e un local comercial, cun investimento de 1,3 millóns de euros e un prazo de execución previsto de 36 meses. A actuación reportará ao Concello 52.252,05 euros en taxas e impostos.
Ademais, aprobouse o pagamento de 5.854,81 euros polas expropiacións necesarias para executar o Plan Parcial do sector SUD S-16.R, que prevé un sistema xeral de espazos libres de 9.774 metros cadrados. As cantidades xa foran consignadas pola Xunta de Compensación.
Entre os acordos tamén figura o avance na constitución do Consello Sectorial de Persoas Maiores, coa designación dos vogais que formarán parte deste órgano de participación e consulta. A súa finalidade será canalizar propostas e iniciativas relacionadas co benestar, a atención e a participación social deste colectivo.
Por outra banda, o Concello acordou adherirse á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, unha iniciativa de colaboración entre administracións para promover o uso do galego, compartir recursos e coordinar actividades. A adhesión non implica novos compromisos de gasto e deberá ser ratificada polo Pleno.
A Xunta de Goberno tamén aprobou a inclusión na plantilla municipal de 16 prazas de músico ou música instrumentista-docente do subgrupo C1, un paso previo para iniciar o proceso de cobertura e consolidar a Escola de Música e a Banda Municipal. O acordo deberá pasar polo Pleno e permitirá que o persoal actualmente encadrado no subgrupo C2 poida acceder ás novas prazas mediante concurso-oposición. Así mesmo, aprobouse a adscrición provisional dun posto de traballo por un ano, prorrogable.