O Concello de Lugo renova un tramo do colector para poñer fin aos vertidos de augas fecais nunha rotonda da cidade

LugoXa
A actuación permitirá solucionar un problema de malos cheiros, inundacións e riscos para a seguridade viaria na contorna de Alexandre Bóveda
vertido-de-augas-fecais-na-contorna-da-rotonda-de-Camiño-Romai-nas-Gándaras
22 Jul 2026

O Concello de Lugo está a executar unha actuación para resolver os problemas provocados polo mal estado da rede de saneamento na rotonda situada na confluencia do Camiño Romai, o Camiño da Roca, o Camiño da Fonte e a rúa Alexandre Bóveda. A intervención permitirá canalizar as augas que ata o de agora discorrían sen control cara á glorieta.

Segundo explicou o Goberno local, a obra dá resposta a unha problemática que afectaba desde hai tempo á veciñanza da zona. As augas fecais descendían por uns terreos ata desembocar na rotonda, provocando malos cheiros, a presenza de augas de aspecto abrancazado e, en determinados momentos, a inundación da glorieta, o que supuña un risco para a seguridade viaria nun punto de intenso tráfico.

Esta situación xa fora denunciada con anterioridade polo Grupo Municipal Popular, que reclamara unha actuación para poñer fin aos problemas de salubridade e aos riscos para a circulación.

Os traballos consisten na substitución de 50 metros do antigo colector de saneamento de formigón, que se atopaba colapsado, por unha nova condución de PVC de 400 milímetros de diámetro, un material que ofrece maiores garantías de funcionamento e un mellor comportamento hidráulico.

0.11454200744629