O Concello de Lugo renovará as naves das brigadas municipais do Parque da Milagrosa

LugoXa
As actuacións mellorarán as condicións laborais e resolverán problemas estruturais como filtracións e humidades
nave-brigadas-municipais-Frigsa-Lugo
20 Apr 2026

O Concello de Lugo levará a cabo a renovación das naves que acollen as distintas brigadas municipais situadas no Parque da Milagrosa, co obxectivo de optimizar as condicións de traballo do persoal e garantir espazos axeitados para o desenvolvemento das súas funcións.

A intervención contempla, como unha das actuacións principais, a substitución da cuberta en todas as naves, unha das deficiencias máis relevantes detectadas e que está a provocar filtracións de auga e un progresivo deterioro das instalacións. Ademais, executaranse actuacións específicas en cada un dos espazos que albergan os diferentes servizos municipais.

Os traballos afectarán ás seis naves destinadas ás brigadas de obras, zona rural, parques e xardíns, augas, servizos electromecánicos e sinalización viaria. Entre as actuacións previstas inclúense tarefas tanto no exterior como no interior, como a eliminación de grafitis e sucidade, a reparación de fisuras estruturais e a substitución de portas e fiestras deterioradas. No interior, abordarase a reparación das deficiencias provocadas polas humidades, con renovación de pintura e tratamentos específicos, ademais de intervencións adaptadas ás necesidades de cada espazo.

No caso do almacén do Servizo de Obras, repararase a entreplanta debido ao desgaste ocasionado polas filtracións, unha actuación que tamén se realizará na brigada da zona rural, onde ademais se instalarán novos elementos de seguridade propostos polo servizo de prevención de riscos. Na nave de Parques e Xardíns renovarase completamente a entreplanta, xunto coas instalacións da oficina e os vestiarios. Pola súa parte, no servizo de augas levarase a cabo, ademais da renovación da entreplanta, unha redistribución do espazo para mellorar o seu aproveitamento, actuación que tamén se replicará na nave de servizos electromecánicos.

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, puxo en valor o papel das brigadas municipais, subliñando que “permiten atender cada ano centos de reclamacións veciñais de maneira rápida e eficaz”. Como exemplo, destacou o labor da Brigada Municipal de Vías e Obras, dependente da Concellería de Infraestruturas, que xestiona arredor de 1000 solicitudes anuais en toda a cidade. Segundo explicou, trátase de “pequenas reparacións que melloran o día a día das veciñas e veciños de Lugo”.

Entre as intervencións máis habituais desta brigada atópanse a sinalización urbana, coa reparación ou substitución de sinais e marcas viarias, a solución de problemas en tapas de rexistro que xeran ruído ou inestabilidade, así como arranxos en vías públicas, incluíndo a reposición de bolardos, a reparación de fochancas, melloras en beirarrúas deterioradas ou a instalación e renovación de mobiliario urbano como bancos ou aparcabicis.

0.098016977310181