O Concello de Lugo reorganiza os espazos da Casa Consistorial para os grupos políticos e para novos usos

LugoXa
Comunicou tamén o aprazamento do inicio da programación cultural prevista para o domingo 20 de setembro no cemiterio San Froilán de Lugo
oficina-concello-novos-usos
18 Sep 2026

O Concello de Lugo explicou hoxe, en resposta a unha pregunta formulada polo PSOE na Comisión sobre a reorganización dos espazos da Casa do Concello, que a redistribución realizada permite garantir os espazos necesarios para os diferentes grupos políticos municipais e, ao mesmo tempo, dar novos usos a determinadas dependencias municipais.

A reorganización levouse a cabo de acordo co establecido no artigo 23.1 da Constitución, que indica que se debe garantir que todos os grupos políticos da Corporación dispoñan de espazos axeitados para desenvolver o seu traballo e exercer a súa actividade municipal.

Como resultado desta redistribución, o Goberno local habilitou un dos mellores locais da planta baixa da Casa do Concello, polas súas condicións de accesibilidade, para destinalo á celebración de campañas e actividades informativas abertas á cidadanía.

Este espazo xa acolleu a campaña Lugo Limpa, impulsada pola Concellería de Benestar Animal, na que se repartiron kits hixiénicos para as mascotas co obxectivo de fomentar o coidado e a limpeza dos espazos públicos.

A última actividade desenvolvida neste local foi a prepulseirización do Caudal Fest, celebrada esta mesma semana na Casa do Concello e que permitiu que unhas 3.000 persoas se achegasen para recoller e colocar anticipadamente a súa pulseira de acceso ao festival, facilitando así a entrada ao recinto e evitando esperas.

Deste xeito, a reorganización dos espazos municipais permite compatibilizar o normal funcionamento e o traballo dos grupos políticos coa utilización das dependencias da Casa do Concello para iniciativas de información, atención e servizo á cidadanía, aproveitando mellor os espazos públicos municipais e facéndoos máis útiles e accesibles para os lucenses.

PROGRAMACIÓN CULTURAL NO CEMITERIO

Por motivos sobrevidos e alleos á organización, o Concello de Lugo comunicou o aprazamento do inicio da programación cultural prevista para o domingo 20 de setembro no cemiterio San Froilán de Lugo.

A organización informará proximamente da nova data de celebración.

0.14540696144104