O Concello de Monterroso executa obras para mellorar a rede de abastecemento e saneamento

O Concello de Monterroso está a levar a cabo actuacións de mellora na rede de distribución de auga da rúa Travesía das Neves, unha zona na que se viñan rexistrando múltiples roturas nos últimos tempos.
Os traballos consisten na substitución da tubaxe de distribución coa finalidade de solucionar estas incidencias e optimizar o funcionamento do servizo de abastecemento.
Ademais, o goberno local procederá á instalación dun novo colector de augas residuais na rúa Piñeiro debido ao deterioro que presenta a infraestrutura actual.
Desde o Concello destacan que se trata de actuacións soterradas que moitas veces pasan desapercibidas para a veciñanza, pero que resultan fundamentais para garantir o mantemento e a mellora dos servizos públicos municipais.
O executivo local agradeceu tamén a comprensión da cidadanía polas molestias que poidan ocasionar estas obras durante o seu desenvolvemento.