O Concello defende o pantalán dos Robles "para que os lucenses teñan una acceso seguro ao Miño"

O Concello de Lugo continuará realizando as xestións necesarias para intentar manter o pantalán instalado na contorna dos Robles, cando menos ata a próxima competición de piragüismo prevista para o mes de outubro. O Goberno local considera que a infraestrutura demostrou a súa utilidade tanto para a práctica deportiva como para mellorar o acceso da cidadanía ao río Miño.
A instalación do pantalán levouse a cabo en colaboración coa Federación Galega de Piragüismo coincidindo coa celebración de varias probas deportivas, entre elas a competición que ten lugar esta fin de semana. Segundo explica o Concello, o obxectivo era comprobar sobre o terreo se a infraestrutura respondía ás necesidades dos clubs e deportistas e se, ademais, podía converterse nun recurso útil para o conxunto da poboación.
Tras esta experiencia, o balance realizado polo Goberno municipal é positivo. Desde o Concello aseguran que o pantalán demostrou ser unha ferramenta eficaz non só para facilitar a práctica do piragüismo, senón tamén para proporcionar aos lucenses un acceso ao río “máis seguro, cómodo e accesible”.
Por iso, o Executivo local apela ao “sentido común” para que a infraestrutura poida permanecer instalada. Lembra ademais que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) autorizou a súa colocación para as competicións deportivas desta fin de semana e para a proba prevista en outubro, e que a actuación conta tamén cun informe favorable de Patrimonio Natural.
Neste contexto, o Concello considera difícil entender que agora se ordene a súa retirada cando a propia Confederación recoñece que a súa permanencia é autorizable. “Se a súa permanencia é autorizable e xa quedou demostrado o beneficio que achega á veciñanza, o lóxico é que todas as administracións traballen na mesma dirección”, sosteñen fontes municipais.
O Consistorio xa presentou un recurso contra a decisión que obriga a desmontar o pantalán e asegura que seguirá realizando todas as xestións necesarias para defender a súa continuidade dentro da legalidade. A xuízo do Goberno local, “non resulta razoable retirar unha infraestrutura útil para a cidadanía cando é autorizable e cando a súa permanencia beneficiaría tanto á práctica deportiva como ao uso público do río”.
Por outra banda, o Concello lembra que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, confirmou esta semana que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural emitiu un informe técnico favorable sobre a instalación tras os estudos realizados, ao considerar que non provoca afeccións ao patrimonio natural. Ademais, a titular autonómica sinalou que, ao tratarse dunha infraestrutura flotante, “resulta máis prexudicial retirala agora para volver colocala en outubro que mantela instalada durante ese período”.