O Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica revisarán o proxecto de saneamento de Fermín Rivera

LugoXa
A actuación conta cun investimento de dous millóns de euros e a reunión de seguimento coincidirá co inicio das obras de pavimentación do Camiño Primitivo en San Lázaro da Ponte
Pavimentación-Camiño-Primitivo-ao-seu-paso-por-San-Lázaro-LUGO
6 Nov 2026

O Concello de Lugo convocou para o mércores 18 de novembro a comisión de seguimento do convenio asinado en abril coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para renovar o saneamento da contorna de Fermín Rivera. O goberno local quere coñecer o estado no que se atopa o proxecto, cando o ano se achega á súa recta final.

A reunión celebrarase ás 11.30 horas no Salón de Comisións da Casa Consistorial e contará con representantes das dúas administracións. Pola Confederación Hidrográfica participarán o director técnico e o secretario xeral, ou as persoas nas que deleguen, mentres que polo Concello estarán a alcaldesa e o xefe do Servizo de Medio Ambiente, tamén con posibilidade de delegación.

A comisión ten entre as súas funcións coordinar os traballos, aclarar as cuestións que poidan xurdir durante o desenvolvemento do convenio e supervisar que ambas as administracións cumpran os compromisos adquiridos. Así o establece a cláusula undécima do acordo.

A renovación da rede de saneamento de Fermín Rivera supón un investimento previsto de dous millóns de euros. A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil achegará 1,9 millóns, mentres que os 100.000 euros restantes serán financiados polo Concello de Lugo.

PAVIMENTACIÓN EN SAN LÁZARO

Paralelamente, o Concello iniciou esta semana os traballos de mellora do firme do Camiño Primitivo ao seu paso por San Lázaro da Ponte. Trátase dunha intervención independente do proxecto de renovación do saneamento, aínda que tamén está orientada a mellorar as infraestruturas e as condicións de seguridade nesta contorna.

A actuación esténdese ao longo de aproximadamente 1,4 quilómetros, desde a conexión coa rúa Fermín Rivera ata a estrada LU-232. Os traballos comezan coa limpeza das beiravías, das cunetas e dos sistemas de drenaxe, e continuarán coa reparación dos treitos máis deteriorados, a aplicación dunha nova capa de aglomerado asfáltico e a adaptación dos elementos dos servizos existentes á nova pavimentación.

O proxecto incorpora medidas específicas para facilitar o tránsito dos peóns e dos peregrinos que percorren o Camiño Primitivo. Así, delimitarase mediante sinalización horizontal unha franxa de 1,20 metros destinada aos desprazamentos a pé. Tamén se colocarán sinais verticais, pasos de peóns e limitacións de velocidade a 30 quilómetros por hora, especialmente para advertir da presenza de camiñantes e reforzar a seguridade nas interseccións.

Ademais, a intervención contempla a construción de dúas bases para contedores de residuos. O orzamento da obra ascende a 217.051,36 euros.

A renovación do pavimento permitirá actuar sobre unha vía que presenta un importante deterioro e na que actualmente os peregrinos deben circular pola calzada. A mellora beneficiará tanto aos residentes na zona como ás persoas que realizan o Camiño Primitivo.

0.18060898780823