O Concello impulsa un novo campo de fútbol de herba artificial en San Fiz para aliviar a saturación das instalacións deportivas

O Concello de Lugo iniciou os trámites para construír un novo campo de fútbol de herba artificial en San Fiz, unha infraestrutura coa que pretende responder á crecente demanda das entidades deportivas da cidade e mellorar a capacidade das instalacións municipais. A alcaldesa, Elena Candia, presentou o proxecto acompañada polo concelleiro de Deportes, Damián Carballo, e pola concelleira María Reigosa.
O primeiro paso será a licitación da redacción do proxecto técnico, que definirá as características da nova instalación, prevista nunha parcela de titularidade municipal situada en San Fiz.
A actuación contempla a creación dun campo de fútbol de herba artificial de última xeración, a construción dun módulo de vestiarios totalmente equipado con servizos de saneamento e subministración eléctrica, o peche perimetral do recinto para reforzar a seguridade e un sistema de torres de iluminación que dará cobertura tanto ao novo campo como ao actual campo municipal de rugby. Ademais, tamén se habilitarán vestiarios específicos para esta instalación de rugby, mellorando os servizos dos que dispón na actualidade.
Durante a presentación, Elena Candia destacou que este proxecto permitirá continuar fortalecendo o deporte base na cidade e ofrecer mellores condicións para que centos de rapaces e rapazas poidan practicar fútbol.
Pola súa banda, o concelleiro de Deportes explicou que a necesidade desta nova infraestrutura responde á elevada ocupación que rexistran os campos municipais. Na actualidade, Lugo conta con 14 entidades deportivas e de formación que agrupan 138 equipos, desde as categorías biberón ata veteranos, e reúnen preto de 3.000 licenzas deportivas.
Entre os clubs que desenvolven a súa actividade na cidade atópanse o Club Polideportivo Casás, a AD Ferroviaria, a SDC Residencia, a Escola de Fútbol Polvorín, a SCD Milagrosa, o Polideportivo Maristas, o CD Lugo, a ADC Sagrado Corazón, a SDC San Roque, a SD San Lázaro, ADC Piringalla, Gimnástica Lucense e Ceosport Lucense, entre outros.
Para atender esta actividade deportiva, Lugo dispón actualmente de cinco campos municipais de fútbol: os Campos Municipais das Gándaras José María Rodríguez Lago I e II, o Campo Municipal da Cheda, as instalacións Luis López Gorgoso de Frigsa e o Campo Municipal do Polvorín. Segundo explicou Carballo, estas instalacións presentan unha ocupación practicamente continua, con sesións de adestramento de luns a venres e unha intensa programación de partidos oficiais durante as fins de semana, o que dificulta atopar horarios dispoñibles para clubs e equipos.
O edil sinalou ademais que o proxecto tamén suporá unha mellora importante para o campo municipal de rugby situado ao lado, grazas á instalación de novos vestiarios modulares e á dotación dunha iluminación moderna.
María Reigosa explicou que esta actuación nace do diálogo mantido co tecido deportivo da cidade. A concelleira lembrou que na reunión celebrada o pasado 11 de xuño cos clubs xa se puxera de manifesto a necesidade de incrementar as instalacións municipais para dar resposta ao aumento de practicantes, equipos e competicións.
Segundo indicou, o novo campo de San Fiz permitirá atender unha demanda histórica das entidades deportivas e contribuír a desconxestionar a actual rede municipal de instalacións, adaptándoa ás necesidades actuais do deporte base en Lugo.