O Concello impulsará un novo aparcadoiro de 116 prazas no Parque de Enerxías Alternativas de Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, e o concelleiro Antonio Ameijide mantiveron unha reunión de traballo coa directiva da asociación de empresarios dos polígonos industriais do Ceao e As Gándaras para analizar as necesidades destas áreas empresariais e informar dos proxectos que o Goberno municipal ten en marcha.
Durante o encontro, o Executivo local anunciou o inicio da contratación das obras do novo aparcadoiro que se habilitará no Parque de Enerxías Alternativas, un espazo actualmente en desuso para o que xa existe un proxecto definido. A actuación contará cun investimento de 400.000 euros e permitirá crear 116 prazas de estacionamento, incluíndo espazos con puntos de recarga para vehículos eléctricos e prazas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. O obxectivo é aliviar a elevada demanda de aparcamento existente nesta contorna industrial.
Na reunión tamén se informou dos avances nos proxectos de renovación das redes de abastecemento e saneamento do polígono do Ceao, unha intervención que superará os 1.145.000 euros de investimento e que busca continuar mellorando as infraestruturas básicas desta área empresarial.
Outro dos asuntos abordados foi o estudo de novos usos para distintos inmobles municipais situados na contorna dos polígonos. Entre as posibilidades analizadas figura a implantación de servizos relacionados coa conciliación laboral e familiar, aínda que o Concello non descarta desenvolver outras iniciativas que respondan ás demandas formuladas polo tecido empresarial.
A seguridade ocupou tamén un lugar destacado na reunión. O Goberno municipal considera prioritario reforzar este ámbito e avanzar na elaboración dun Plan de Emerxencias específico para os polígonos industriais, co propósito de mellorar a coordinación e a capacidade de resposta ante posibles incidencias.
Elena Candia reafirmou o compromiso do Concello de manter unha comunicación continua cos empresarios para coñecer de primeira man as súas necesidades e impulsar actuacións que favorezan a competitividade das áreas industriais de Lugo.
Durante o encontro fíxose ademais balance das medidas adoptadas desde a anterior reunión coa asociación empresarial. A alcaldesa lembrou que o Concello informou naquela ocasión das liñas de axudas convocadas pola Xunta de Galicia para as áreas industriais, o que permitiu aos polígonos acceder a un financiamento de 58.000 euros destinado á mellora destes espazos.