O carril bici de Lugo será modificado tras detectarse 13 puntos con deficiencias de seguridade

O Concello de Lugo iniciou o expediente para modificar o trazado do carril bici da cidade, unha actuación coa que o Goberno local pretende corrixir os problemas de mobilidade, accesibilidade e seguridade detectados desde a posta en marcha desta infraestrutura. A alcaldesa, Elena Candia, explicou que a intervención dará cumprimento ao compromiso adquirido de revisar o percorrido e priorizará os puntos considerados máis conflitivos.
Segundo avanzou a rexedora, a Policía Local elaborou un informe técnico no que se identifican 13 puntos con deficiencias de seguridade ao longo do carril bici construído durante o anterior mandato, polo que a primeira fase das actuacións centrarase neses treitos.
Candia lembrou que as obras foron financiadas con fondos europeos, polo que calquera modificación deberá respectar o disposto no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013, que regula a durabilidade das operacións subvencionadas. Esta normativa impide introducir cambios substanciais que alteren a natureza ou os obxectivos do proxecto durante os cinco anos posteriores á súa execución, xa que iso podería obrigar ao reintegro das axudas recibidas.
Neste contexto, o Concello xa traballa na elaboración do expediente que permitirá modificar o trazado sen incumprir a normativa europea, acreditando que a finalidade da actuación, fomentar o uso da bicicleta como medio de transporte sostible, continuará garantida.
"Se xa tiñamos claro que era unha infraestrutura que xeraba un importante rexeitamento social, hoxe contamos ademais cun informe técnico que identifica diferentes problemas de seguridade. E por iso decidimos que a primeira fase da modificación do trazado comece precisamente polos puntos nos que os técnicos detectan maiores riscos", sinalou a alcaldesa.