O Concello mellora o campo municipal de béisbol do Ceao cunha primeira fase de actuacións

LugoXa
Os traballos incluíron a limpeza integral do recinto e a rehabilitación dos vestiarios e aseos para responder ás demandas dos clubs de béisbol e sóftbol da cidade
Visita-Campo-Beisbol-Lugo
10 Jul 2026

O Concello de Lugo vén de completar unha primeira fase de acondicionamento no campo municipal de béisbol do Ceao "Germán López Vila", unha actuación impulsada para atender as necesidades expostas polos clubs lucenses de béisbol e sóftbol que empregan habitualmente estas instalacións.

As melloras, promovidas pola área de Deportes tras manter diversas reunións de traballo coas entidades usuarias, teñen como obxectivo dignificar este espazo deportivo e mellorar as condicións nas que se desenvolven os adestramentos e as competicións.

Entre as actuacións realizadas figura a limpeza integral do recinto e dos accesos, incluíndo labores de desbroce, así como a rehabilitación dos vestiarios e dos aseos existentes, que volven estar operativos e permiten dotar ao campo dos servizos básicos necesarios para o seu funcionamento.

Desde o Goberno local sinalan que estas intervencións forman parte do compromiso municipal por mellorar progresivamente as instalacións deportivas da cidade e dar resposta ás demandas formuladas polos clubs que desenvolven a súa actividade nelas.

Neste sentido, destacan que o acondicionamento do campo de béisbol do Ceao responde ao compromiso adquirido coas entidades deportivas. "Comprometémonos a dignificar o campo de béisbol do Ceao e é o que estamos facendo en canto tivemos a oportunidade de xestionar as instalacións deportivas da cidade. En Lugo temos a sorte de contar con clubs nos que se pode practicar todo tipo de deportes e, por iso, tamén as disciplinas minoritarias deben contar co apoio real e efectivo do Concello", sinalan desde o Executivo municipal.

0.11956405639648