O Concello prepara a reparación da avaría na avenida da Coruña tras localizar unha fuga na condución xeral

O concelleiro do BNG en Lugo, Alexandre Penas, criticou a "inacción" do Goberno de Elena Candia ante o afundimento da calzada na avenida da Coruña, á altura do número 224, que mantén un dos carrís cortados desde hai meses. O edil considera que esta incidencia podería estar xa solucionada e acusa o executivo local de descoidar unha das vías con maior tráfico da cidade, coas conseguintes molestias para a veciñanza e as persoas usuarias.
Penas lembrou que o BNG reclamou en diferentes ocasións unha actuación inmediata neste punto, tanto polo impacto que ten na circulación como polas posibles consecuencias para a seguridade viaria. O corte afecta aos vehículos, pero tamén aos peóns, xa que o afundimento se atopa xusto sobre un paso de peóns. Segundo advertiu, a situación dificulta a fluidez do tráfico e condiciona os desprazamentos diarios nunha das principais vías de comunicación de Lugo.
"A inacción do PP vese día a día en aspectos coma este, descoidando unha das vías con máis tráfico da cidade", afirmou o concelleiro nacionalista. O BNG considera inaceptable que, transcorridos varios meses desde que se detectou o problema, aínda non se restablecese a normalidade nunha avenida que concentra un volume elevado de vehículos e que funciona como un dos principais accesos e saídas da cidade.
Pola súa banda, o Concello de Lugo está a preparar a intervención para reparar o afundimento, despois de realizar diferentes comprobacións nas redes municipais para determinar a orixe da incidencia. Nunha primeira fase, os equipos técnicos inspeccionaron a rede de saneamento e limparon os pozos da zona mediante un camión succionador, pero descartaron que esta infraestrutura fose a causante do problema.
As comprobacións centráronse despois na rede de abastecemento. Tras verificar que a condución auxiliar que dá servizo directo aos abonados non presentaba fugas aparentes, os traballos dirixíronse á tubaxe xeral de transporte, de 500 milímetros de diámetro, onde finalmente se localizou a fuga.
Para detectar o punto exacto da avaría, os servizos técnicos empregaron equipos especializados, entre eles rastreadores, localizadores e xeófonos. O Concello explica que optou por este procedemento para evitar un corte xeralizado de auga que podería afectar a boa parte da zona norte da cidade.
Na actualidade, o Goberno local está a coordinar os preparativos da reparación e a dispoñibilidade do material específico necesario para executar unha intervención destas características. A planificación busca reducir na medida do posible as molestias á veciñanza, aos establecementos comerciais e ás persoas usuarias da avenida, aínda que o carril continúa afectado mentres se prepara a actuación.