O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo celebrará as súas galas de clausura os días 11 e 12 de xuño

LugoXa
O alumnado presentará espectáculos de danza clásica, contemporánea e galega nunhas funcións que pechan o curso académico e contan co apoio do Concello
Gala-Unicef-Lugo-Conservatorio-Profesional-de-Danza
4 Jun 2026

O Conservatorio Profesional de Danza de Lugo celebrará os días 11 e 12 de xuño as galas de clausura do curso académico, unhas citas nas que o alumnado mostrará o traballo desenvolvido ao longo do ano nas distintas especialidades de danza.

A primeira das funcións terá lugar o xoves 11 de xuño ás 19:30 horas e estará a cargo do alumnado de Grao Elemental, que presentará o espectáculo “Disney Danza”, unha proposta pensada para todos os públicos e inspirada en coñecidas películas de animación.

Pola súa parte, o venres 12 de xuño, tamén ás 19:30 horas, celebrarase a gala do Grao Profesional do CDAN. Nesta sesión, o alumnado de Danza Clásica interpretará unha versión de “La Fille mal gardée”, mentres que o grupo de danza contemporánea porá en escena “Cores”.

A programación complétase cunha coreografía do Obradoiro de Danza Galega e coa presentación dun traballo creado polo alumnado de 6º curso, que conclúe este ano a súa formación profesional.

O Concello de Lugo destacou o seu apoio a estas galas e ao labor educativo e cultural do conservatorio, unha institución de referencia na cidade e en Galicia. O concelleiro Javier Vázquez reafirmou o compromiso municipal co impulso da danza como disciplina artística e formativa, subliñando o talento do alumnado e o traballo do profesorado.

0.13383197784424