O Convivio da Cultural Galega presenta un programa que abrirá Uxía xunto á banda de música da localidade

LugoXa | TerraChaXa
O 11 de xullo, sábado, música e xantar campestre rememorán a esencia das festas populares de que tanto gostaba Manuel María
xantar-convivio-cultura-galega
30 Jun 2026

O Convivio da Cultura Galega non falta á súa cita, e a Casa-Museo Manuel María xunto á Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, organizan o próximo 11 de xullo, sábado, na Carballeira de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, a súa XIII edición. Unha celebración que pretende rememorar a esencia das festas populares de que tanto gustaba Manuel María, como a romaría que se facía en Outeiro ao pé do río Miño, en que o convívio entre os e as festeiras era o centro, e na cal non faltaba a música e o xantar campestre e demorado.

A xornada festiva comezará ás 11.15h, sendo a Casa-Museo Manuel María o punto de encontro e a coral Solfa a encargada de lle dar a acollida a festeiros e festeiras. De alí sairase cara ao cemiterio, ao son de cuarteto Airiños do Cepelo, para levar a cabo unha pequena ofrenda a Manuel María e Saleta. O bibliotecario e arquiveiro da Fundación Manuel María, Xosé Manuel Pérez, dirixirá unhas palabras de lembranza para o escritor e a súa compañeira Saleta.

A partir das 12.30, a festa decorrerá na Carballeira de Santa Isabel, onde actuará Uxía e a Banda de música Sons e Soños de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol cun programa musical expresamente preparado para a ocasión. Uxía, ademais, cantará algunhas das cancións do seu último traballo en homenaxe a Begoña Caamaño, "Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño".

Despois do concerto, celebrarase un xantar de convivio para o que cada quen trae a súa comida e a organización pon a disposición mesas e cadeiras con reserva (Para reservar é necesario avisar antes das 17 h do 7 de xullo, martes, a través do whatsapp 698177621 ou por correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal).

A festa continuará pola tarde, ás 16.30h, cunha foliada onde non faltará a música de Mestura de Nete, Sons da Chaira, o grupo de cantos de taberna de Xermolos, Música na Eira, Tradivivas Agra e Parabéns.

Durante a mañá, as directivas das entidades que conforman a federación Galiza Cultura manterán un encontro, ás 12.15, no auditorio da Casa-Museo para articular a súa actuación en común para o próximo ano.

O Convivio da Cultura Galega conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.12107491493225