O conxunto vocal Lugh actúa este sábado coa coral polifónica El Eco da Coruña

LugoXa
Hai tan só uns días, Lugh tivo a oportunidade de cantar por primeira vez no teatro Rosalía de Castro da cidade herculina
conxunto-vocal-Lugh
12 Out 2024

O Encontro Musical de Outono deste sábado estará protagonizado polo conxunto vocal Lugh, de Lugo, e a coral polifónica El Eco, da Coruña. Hai tan só uns días, Lugh tivo a oportunidade de cantar por primeira vez no teatro Rosalía de Castro da cidade herculina. Para os seus membros foi emocionante pisar e cantar nun escenario tan sinalado onde teñen actuado orquestras, grupos musicais diversos e cantantes, masculinos e femininos, de recoñecemento internacional; e onde teñen dirixido batutas de enorme prestixio.

“Un día para non esquecer, un día moi sinalado na traxectoria deste humilde coro neste ano no que andamos a celebrar o noso XXV aniversario….”, din. A Coral Polifónica El Eco da Coruña foi quen de abrir as portas dese fermoso e histórico teatro para eles ao convilados ao seu VII Encontro de Polifonía Galega “Pascual Veiga”.

Esta ilustre coral polifónica, El Eco, nace na Coruña no ano 1881, sendo Pascual Veiga o seu primeiro presidente e director. A Pascual Veiga sucedéronlle na dirección músicos da talla de José Castro “Chané”, Maximino Zumalave ou Rogelio Groba, por citar só algúns dos máis coñecidos. Estamos a falar de músicos que son parte da historia musical de Galicia. Na actualidade, o seu director é Pedro Martínez Tapia. Entre os numerosísimos premios e recoñecementos acadados, contan con algúns de rango internacional. Deste xeito, poderase escoitar o coro máis antigo de Galicia, de España e de toda a península Ibérica.

0.069018840789795