O curso de música medieval “Os Sons dos Camiños” reúne 40 participantes en Lugo

Corenta persoas procedentes de distintos puntos do Estado e doutros países como Portugal, Italia e Rusia participan no curso de interpretación de música medieval “Os Sons dos Camiños”, que se desenvolve desde hoxe ata o domingo no Centro de Artesanía e Deseño.
Trátase da cuarta edición desta iniciativa, que situou Lugo como un espazo de referencia na formación e interpretación da música antiga e medieval, poñendo ademais en valor o patrimonio musical do Centro de Artesanía e Deseño (Centrad), especialmente as reproducións de instrumentos medievais da súa colección.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, deu a benvida ao alumnado, que recibirá sesións teóricas e clases individuais e grupais de canto, arpa medieval, cítola, laúde, salterio ou organistro, impartidas por intérpretes de recoñecemento internacional como Manuel Vilas, Begoña Olavide, Paloma Gutiérrez del Arroyo, Peppe Frana e Francisco Luengo, quen tamén asume a dirección e coordinación do curso.
O alumnado empregará durante o curso instrumentos creados polo Obradoiro de Instrumentos do Centrad a partir da iconografía do Pórtico da Gloria e do Pazo de Xelmírez.
Como peche da actividade, alumnado e profesorado ofrecerán un concerto final o domingo ás 17.00 horas na Capela de Santa María, cun repertorio traballado ao longo destes días.