O DOG publica a declaración da ARI da Milagrosa e Feijoo, que abrangue máis de 4.000 vivendas

LugoXa
A nova Área de Rehabilitación Integral inclúe 1.025 edificios e permitirá optar a futuras axudas para mellorar vivendas, inmobles e espazos públicos
praza-milagrosa-lugo
27 Aug 2026

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a resolución pola que se declara oficialmente a Área de Rehabilitación Integral (ARI) dos barrios da Milagrosa e Feijoo, en Lugo, un ámbito que comprende 4.043 vivendas distribuídas en 1.025 edificios.

A declaración abre unha nova vía para planificar futuras actuacións de rehabilitación e mellora destes dous barrios, tanto nos inmobles e vivendas como nos espazos urbanos. O Concello de Lugo poderá optar aos fondos destinados a este ámbito cando se publique a correspondente convocatoria, unha vez que o novo Plan de Vivenda estea en execución.

A área declarada ocupa unha superficie total de 25.797,14 metros cadrados. Deles, 24.000,11 metros cadrados corresponden á Milagrosa e os 1.797,03 restantes ao barrio de Feijoo. Dos 1.025 edificios incluídos, 931 teñen uso principal residencial.

As actuacións que se poderán financiar estarán destinadas, entre outras cuestións, a mellorar a accesibilidade, a seguridade, o estado de conservación e a eficiencia enerxética dos inmobles. No caso das intervencións comúns en edificios, como obras en fachadas, cubertas ou ascensores, as axudas poderán alcanzar os 54.000 euros por vivenda, mentres que para actuacións no interior das casas poderán chegar aos 25.000 euros, de acordo coas condicións das futuras convocatorias.

A declaración tamén permitirá destinar financiamento á mellora dos espazos públicos incluídos dentro do ámbito da ARI.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, considerou que a declaración supón "unha oportunidade real para a transformación e revitalización dos barrios Milagrosa e Feijoo", ao facilitar o acceso a fondos para mellorar tanto as vivendas como a contorna urbana.

Pola súa banda, o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, destacou que esta declaración permitirá establecer unha planificación ordenada das actuacións e ofrecer aos propietarios maior seguridade á hora de programar futuras obras. Ao seu xuízo, a nova ARI suporá "un antes e un despois" para este ámbito da cidade.

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, compartiu a resolución cos veciños da Milagrosa durante un encontro no centro sociocomunitario do barrio, no que tamén participaron representantes da Xunta e do Goberno municipal. Candia sinalou que a declaración supón "un novo impulso para unha zona da cidade con moito futuro" e defendeu que o obxectivo é que se traduza en máis rehabilitación, mellores espazos públicos e unha maior calidade de vida.

"Hoxe damos un paso importante, pero seguimos traballando para que este proxecto se converta en realidade e para que as oportunidades que abre a ARI cheguen aos veciños e veciñas da Milagrosa e Feijoo", afirmou.

A ARI da Milagrosa e Feijoo é a terceira declarada no municipio de Lugo, despois das correspondentes ao conxunto histórico da cidade e ao barrio do Sagrado Corazón. No conxunto de Galicia, a Xunta conta actualmente con 81 áreas de rehabilitación integral de ámbito municipal e outras tres de carácter supramunicipal.

0.14491105079651