O Facela Fest celebra dez anos en Lugo e reivindica o seu papel na escena musical da cidade

O Festival Facela Fest de Lugo celebra do 6 ao 9 de maio a súa décima edición, unha cita que os organizadores consideran un motivo de orgullo, pero tamén de responsabilidade. “Dez anos intentando demostrar que en Lugo tamén poden pasar cousas”, lembran no comunicado difundido esta semana. Os promotores subliñan que cada edición busca superar á anterior: “Seguimos tendo claro que un festival só ten sentido se cada edición intenta ir un pouco máis lonxe ca anterior”.
Este ano, coinciden con outros concertos importantes na cidade, como Ara Malikian o venres 8 e Quique González o sábado 9. “Non temos absolutamente nada contra eles, faltaría máis, pero cremos que Facela, despois de dez anos de traballo constante, xa gañou polo menos o mesmo respecto en Lugo que moitas veces recibe fóra da cidade”, afirman.
Segundo explican, o festival sempre apostou por unha programación diversa: “Bandas internacionais de prestixio que dificilmente virían a Lugo noutras circunstancias; bandas internacionais que sabemos que moi pronto estarán en escenarios moito máis grandes; bandas nacionais de primeiro nivel que aínda non reciben todo o recoñecemento que merecen; e moitas bandas galegas e lucenses con calidade máis que suficiente”.
Facela Fest mantén unha filosofía crítica e de defensa da escena local: “Nunca aspiramos a ser un proxecto compracente. E se o festival medrou ata onde está hoxe, é, sobre todo, grazas ao traballo constante e á convicción de que en Lugo tamén se podían facer cousas diferentes”.
Os organizadores alertan sobre os riscos de solapar varios eventos musicais: “Cremos sinceramente que solapar varios eventos musicais de gran formato a mesma fin de semana non beneficia a ninguén. Ao contrario: acaba xerando saturación, confusión e, moitas veces, certo cansazo no público”.
Insisten na importancia de apoiar os proxectos culturais locais: “Hai proxectos que veñen, programan unha data e desaparecen. Outros levamos anos intentando construír escena na cidade. En parte facémolo porque esta é a nosa cidade e queremos que sexa un lugar culturalmente vivo”.
O Facela Fest tamén quere poñer en valor a transformación cultural de Lugo: “Hai unha frase que aínda se escoita demasiado: ‘En Lugo nunca hai nada’. E a realidade é que Lugo nunca tivo tantas cousas pasando como agora”.
Finalmente, insisten en que o seu obxectivo non é competir nin facer críticas persoais: “Que ninguén interprete esta reflexión como un ataque persoal nin como unha mensaxe política. Pero si cremos algo moi simple: os proxectos culturais necesitan apoio mentres están vivos. Porque é moi doado reivindicalos cando desaparecen. E porque, ao final, todo isto faise por algo moi sinxelo: porque Lugo tamén merece unha escena musical viva”.