O FaCeLa Fest celebrará en Lugo a súa décima edición con 18 bandas entre o 6 e o 9 de maio

LugoXa
O festival, apoiado pola Xunta, consolídase como referente da música independente con artistas internacionais, nacionais e locais
Organizadores-Facela-Fest-Lugo-na-Xunta
Actualizada el 29 abril 2026, 09:51 horas
27 Apr 2026

O festival de música FaCeLa Fest regresará a Lugo entre os días 6 e 9 de maio cunha nova edición que coincide co seu décimo aniversario e que contará co apoio da Xunta de Galicia.

Nesta edición, o FaCeLa Fest reunirá un total de 18 bandas, encabezadas polos británicos Temples, os galegos Triángulo de Amor Bizarro, os asturianos Australian Blonde e o grupo madrileño Shego. Completan o cartel The Foolans, novo proxecto nacido en Lugo, así como Bernal, Axolotes Mexicanos, Los Palms, Pacífica, Ripship, Error 97, Sigilu, Filophóbicas, Toldos Verdes, Las Yhadys, Aeronave Adolescente, Fotocopia e Sapo Bufo.

Como novidade, o escenario principal trasládase nesta edición á Sala Tebras, aínda que tamén haberá actuacións noutros espazos da cidade, entre eles o Bar Facela, situado no barrio da Tinería.

A Delegación Territorial en Lugo acolleu a presentación oficial do cartel, nun acto no que participaron o delegado territorial, Javier Arias, e os organizadores do evento, Celes Muinelo e Suso Rielo.

Durante a presentación, Arias felicitou aos promotores por alcanzar dez edicións “convertidos nun referente no ámbito da música independente” e destacou o respaldo do Goberno galego a unha proposta que, segundo indicou, contribúe a enriquecer a programación cultural da cidade ao reunir bandas internacionais e estatais, ademais de abrir espazo ao talento emerxente lucense.

A asociación cultural FACELA presentou a décima edición do festival FACELA Fest co apoio da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, a través da área de Cultura, e da Deputación de Lugo. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, destacou que se trata dun evento xa consolidado no calendario cultural lucense, cunha aposta clara pola presenza de agrupacións lideradas por mulleres e de bandas da cidade.

Pola súa parte, a deputada de Cultura, Iria Castro, valorou o traballo da organización por incluír cada ano no cartel grupos emerxentes e diferentes propostas musicais, enmarcando o apoio da Deputación na colaboración co tecido cultural e asociativo da provincia para fomentar unha programación ampla e diversa de música en directo.

O festival, definido como un evento de autor, aposta pola calidade das bandas participantes e pola diferenciación respecto doutros festivais, cun coidado especial na selección do cartel. Segundo destacou Maite Ferreiro, non se trata dun festival clónico, senón dunha proposta que sitúa a cultura como eixo fundamental e como sinal de identidade.

0.88510990142822