O Fillo Predilecto de Paradela, Xesús Mato, recibirá o adeus este mércores no seu Concello

LugoXa | SarriaXa
O Concello de Paradela está de loito polo pasamento do paradelense Xesús Mato Mato, creador de 'Fuxan os Ventos' e 'Auxilia', Medalla Castelao e Fillo predilecto do Concello de Paradela, que cumprira 91 anos o pasado outubro.
Xesús Mato Paradela
Xesús Mato Paradela
13 Feb 2024

O Concello de Paradela está de loito polo pasamento do paradelense Xesús Mato Mato, creador de 'Fuxan os Ventos' e 'Auxilia', Medalla Castelao e Fillo predilecto do Concello de Paradela, que cumprira 91 anos o pasado outubro.

Crego e musicólogo, desenvolveu un moi importante labor investigador e de recopilación de música tradicional galega, escribiu o poema 'Fuxan os ventos', púxolle música e impulsou o grupo musical que logo levou ese nome e entrou na historia da música deste país, como despois tamén animou o nacemento do grupo 'A Quenlla'.

Creou coros xuvenís, dirixiu a Schola Cantorum do Seminario de Lugo e o Orfeón Lucense e durante un cuarto de século atendeu parroquias da montaña lucense, onde recibiu unha homenaxe multitudinaria dos seus feligreses.

Lucense do Ano, homenaxeado pola Cruz Vermella de Sarria e galardoado cos Premios María Castaña e Moncho Valcárce, o Orfeón Lucense impúxolle a insignia de ouro, e o seu Concello natal, Paradela, nomeouno Fillo Predilecto.

Obtivo a primeira Medalla Castelao concedida por petición popular, co apoio de máis de dúas mil cincocentas persoas e institucións. Máis dun cento de amigos participaron en cadanseu libro homenaxe cando cumpríu os 75 e os 90 anos de idade.

A capela ardente está instalada no Tanatorio de Paradela, de onde partirá a comitiva fúnebre este mércores ás 17.00 horas, ata a igrexa de San Nicolás de Portomarín onde se celebrará o funeral e a conducción ao ceminerio municipal para ser soterrado no panteón familiar.

https://galiciaxa.com/2022/12/rsxa/colabora-rsxa/186473/

0.19405221939087