O fútbol solidario reuniu a Piringalla e a Gimnástica polo 45 aniversario de ALCER Lugo

O fútbol e a solidariedade uníronse nunha xornada especial para celebrar os 45 anos de ALCER Lugo. A asociación organizou un partido solidario entre a Piringalla e a Gimnástica, que ofreceron un encontro cheo de goles e compañeirismo e que rematou cun resultado de 6-5 a favor da Piringalla.
A cita contou tamén coa presenza dos xogadores do Club Deportivo Lugo Tornike Morchiladze e Uriel Vega, que quixeron acompañar e apoiar os pequenos futbolistas, facendo máis especial unha actividade que buscaba achegar aos nenos a traxectoria e o labor da entidade.
Desde ALCER Lugo destacaron especialmente o ambiente vivido durante o encontro, así como o cariño e a ilusión dos participantes e das súas familias. A asociación considera que a actividade permitiu compartir cos máis pequenos a súa historia e transmitirlles a importancia da solidariedade, independentemente da idade.
A entidade tamén agradeceu o xesto de Juan, que preparou unha camiseta co nome de ALCER na parte traseira e que foi asinada por todos os xogadores. A peza formará parte da poxa solidaria prevista para o vindeiro domingo 22 de novembro, durante a celebración do 45 aniversario da asociación.
O agradecemento estendeuse igualmente a Choury, árbitro do partido, pola súa colaboración e por dedicar o seu tempo a esta iniciativa. ALCER Lugo trasladou o seu recoñecemento á Piringalla, á Gimnástica, aos futbolistas convidados, ás familias e, especialmente, aos nenos que participaron na xornada.