O futuro centro de ALUME na antiga sede de Aspnais terá listo o proxecto básico este mes

LugoXa
As instalacións contarán con prazas residenciais, centro de día e un servizo orientado á promoción da autonomía persoal
reunion-concello-de-Lugo-Alume-Política-Social-Santiago
2 Jul 2026

O proxecto básico do futuro centro que a Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais habilitará na antiga sede de Aspnais estará rematado a finais deste mes, un paso que permitirá continuar coa tramitación administrativa dunha infraestrutura destinada a reforzar a atención ás persoas con problemas de saúde mental na cidade.

Este foi un dos asuntos abordados durante a reunión de coordinación mantida pola alcaldesa de Lugo, Elena Candia, coa secretaria xeral de Política Social, María Francisca Gómez Santos, e co subdirector de ALUME, Santiago Aarón Argudo, para facer seguimento dun dos proxectos considerados prioritarios polo Goberno municipal.

Unha vez rematada esta fase, o seguinte paso será a solicitude da correspondente licenza urbanística, permitindo avanzar no desenvolvemento dun equipamento chamado a converterse nun dos principais recursos especializados da cidade no ámbito da saúde mental.

As futuras instalacións disporán de 25 prazas residenciais, unha vivenda, 40 prazas de centro de día e un Centro de Promoción da Autonomía Persoal (CPAP) con capacidade para atender a 85 persoas, ampliando de maneira significativa a rede de recursos asistenciais e especializados dispoñibles en Lugo.

Durante o encontro tamén se confirmou a eliminación do muro exterior do recinto, unha actuación que busca mellorar a integración do complexo coa súa contorna, favorecer a accesibilidade e crear un espazo máis aberto.

Elena Candia destacou que este proxecto forma parte do compromiso do Goberno municipal de situar ás persoas no centro das políticas públicas e sinalou que permitirá reforzar os recursos asistenciais e sociosanitarios da cidade.

A alcaldesa tamén asegurou que o Concello continuará mantendo unha coordinación permanente coa Xunta de Galicia e coas entidades sociais implicadas para garantir o avance do proxecto conforme aos prazos establecidos e facilitar a súa posta en marcha no menor tempo posible.

0.077653884887695